A área de Cultura colabora na promoción da película "María Solinha", con banda sonora do músico sarriao Abraham Cupeiro
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou o estudio Abrigueiro de Friol, onde se está a gravar a banda sonora da película "María Solinha" dirixida por Ignacio Vilar, que conta co apoio da área de Cultura para a súa promoción e difusión na provincia.
O multiinstrumentista Abraham Cupeiro encárgase de poñer a música ao filme coproducido por Vía Láctea Filmes e Televisión de Galicia, que se estreará o 15 de maio en salas de todo o país. Os sons dunha corna, unha caracola e un karnix -a trompeta celta que o músico sarriao converteu no seu instrumento insignia- fían o discurso sonoro da película, unha revisión contemporánea da lenda de Maria Soliña, construída arredor da persecución da Inquisición ás mulleres.
“Despois de tres anos, cando comezamos a traballar no guión e no financiamento da película, encaramos a fase final de posprodución coa gravación da banda sonora. Grazas a María Soliña, unha muller brava de Cangas do Morrazo, do Atlántico, chegamos ao interior de Lugo, a este estudo de Arturo Vaquero, e descubrimos a Abraham Cupeiro. Eses sons e instrumentos ancentrais que recupera xunto a María Ruíz son fundamentais para a película”, explicou Ignacio Vilar, director de películas como "Sicixia", "A Esmorga" ou "Vilamor".
Maite Ferreiro remarcou “o bo momento polo que atravesa o audiovisual galego” e sinalou a “necesidade de aproveitar o vento a favor para apoiar un sector que ten un gran potencial na normalización do idioma" e "no que moita xente moza podería atopar unha oportunidade para desenvolver os seus coñecementos técnicos e o seu talento”.
A área de Cultura achegará 4.500 euros á promoción do filme na provincia, que se concretará nunha preestrea e na presentación da produción en diferentes centros educativos.
Sinopse
O filme, rodado integramente en galego, conta a historia dun afamado director chega a Cangas do Morrazo, en Galicia, para reconstruír no teatro a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista da obra de teatro vai sufrir, no século XXI, acedos ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII.
Elenco
A actriz Grial Montes, que debuta no cinema, encarna a Maria Solinha no filme que ten no elenco a Laura Míguez, Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris”, Mela Casal, Alfonso Agra, Fran Lareu, Fernando González, Melania Cruz e Sheyla Fariña.