Cultura
Deputación de Lugo

A área de Cultura colabora na promoción da película "María Solinha", con banda sonora do músico sarriao Abraham Cupeiro

ÁREA DE CULTURA
MARIA SOLINHA
BANDA SONORA
ABRAHAM CUPEIRO
Maite Ferreiro visitou o estudio de gravación Abrigueiro de Friol, onde se está a culminar a sonorización do filme dirixido por Ignacio Vilar

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou  o estudio Abrigueiro de Friol, onde se está a gravar a banda sonora da película "María Solinha" dirixida por Ignacio Vilar, que conta co apoio da área de Cultura para a súa promoción e difusión na provincia.

O multiinstrumentista Abraham Cupeiro encárgase de poñer a música ao filme coproducido por Vía Láctea Filmes e Televisión de Galicia, que se estreará o 15 de maio en salas de todo o país. Os sons dunha corna, unha caracola e un karnix -a trompeta celta que o músico sarriao converteu no seu instrumento insignia-  fían o discurso sonoro da película, unha revisión contemporánea da lenda de Maria Soliña, construída arredor da persecución da Inquisición ás mulleres.

“Despois de tres anos, cando comezamos a traballar no guión e no financiamento da película, encaramos a fase final de posprodución coa gravación da banda sonora.  Grazas a María Soliña, unha muller brava de Cangas do Morrazo, do Atlántico, chegamos ao interior de Lugo, a este estudo de Arturo Vaquero, e descubrimos a Abraham Cupeiro. Eses sons e instrumentos ancentrais que recupera xunto a María Ruíz son fundamentais para a película”, explicou Ignacio Vilar, director de películas como "Sicixia", "A Esmorga" ou "Vilamor".

Maite Ferreiro  remarcou “o bo momento polo que atravesa o audiovisual galego” e sinalou a “necesidade de aproveitar o vento a favor para apoiar un sector que ten un gran potencial na normalización do idioma" e "no que moita xente moza podería atopar unha oportunidade para desenvolver os seus coñecementos técnicos e o seu talento”.

A área de Cultura achegará 4.500 euros á promoción do filme na provincia, que se concretará nunha preestrea e na presentación da produción en diferentes centros educativos.

Sinopse

O filme, rodado integramente en galego, conta a historia dun afamado director chega a Cangas do Morrazo, en Galicia, para reconstruír no teatro a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista da obra de teatro vai sufrir, no século XXI, acedos ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII.

Elenco

A  actriz Grial Montes, que debuta no cinema, encarna a Maria Solinha no filme que ten no elenco a Laura Míguez, Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris”, Mela Casal, Alfonso Agra, Fran Lareu, Fernando González, Melania Cruz e Sheyla Fariña.