Efrén Castro, na homenaxe e inhumación de oito vítimas do franquismo en Guitiriz: "A loita de persoas coma eles dignifícannos como pobo"
O cemiterio de Santa Mariña de Lagostelle de Guitiriz acolleu este domingo un acto de dignificación e inhumación dos restos de oito vítimas do franquismo, localizados nunha fosa común en 2019 pola Asociación por la Recuperación de los Desaparecidos en el Franquismo (ARDF).
A entidade memorialista organizou, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, este acto de xustiza e reparación no que, case 90 anos despois de seren asasinados, oito vítimas do franquismo foron soterrados, nunha tumba colectiva identificada cunha praca cos nomes de catro deles - Edmundo Peinado Ponte, Luis Palleiro Freire, Ángel Rilo Raposo e Antonio González Costa –, e lembranza aos outros catro, un deles, de nome Fermín.
Durante o acto, moi emotivo, o deputado de Memoria Histórica Efrén Castro sinalou que "hoxe é un día de dignidade" e dixo sentirse honrado de participar nun acto de homenaxe "a persoas que nos dignifican como pobo".
"Persoas coma elas que entregaron a súa vida en defensa de valores democráticos acenderon un facho de esperanza para que xeracións como a miña poidamos expresar as nosas ideas políticas sen medo a represalias", sinalou o deputado nacionalista, que que agradeceu o traballo e a perseverancia da Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo para "contar o que pasou", ao tempo que lembrou que "outras moitas persoas seguen aínda nas cunetas".
Tamén aludiu à responsabilidade "que temos como sociedade de traballar para non deixar volver a historia atrás" fronte ao avance da ultradereita no Estado español e no resto de Europa.
Entre a veciñanza que participou no acto, atopábanse Xosé Martínez Vázquez, veciño de Santa Mariña, que sinalou a ubicación da fosa común na que foron localizados os restos no 2019. Tiña 6 anos cando as vítimas foron executadas, nos últimos meses de 1936. Tamén o párroco Alfonso Blanco, que colaborou coa ARDF en todo o proceso de investigación, exhumación e dignificación. A área de Memoria Histórica asumiu, a través dun convenio co ARDF, o financiamento íntegro da dignificación dos restos.