Cultura
Deputación de Lugo

Efrén Castro, na homenaxe e inhumación de oito vítimas do franquismo en Guitiriz: "A loita de persoas coma eles dignifícannos como pobo"

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Memoria Histórica
EFRÉN CASTRO
SANTA MARIÑA DE LAGOSTELLE
REPRESALIADOS
Memoria Histórica colaborou coa ARDF na dignificación dos restos, que foron enterrados nunha tumba colectiva no cemiterio de Santa Mariña de Lagostelle

O cemiterio de Santa Mariña de Lagostelle de Guitiriz acolleu este domingo un acto de dignificación e inhumación dos restos de oito vítimas do franquismo, localizados nunha fosa común en 2019 pola Asociación por la Recuperación de los Desaparecidos en el Franquismo (ARDF).

A entidade memorialista organizou, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, este acto de xustiza e reparación no que, case 90 anos despois de seren asasinados, oito vítimas do franquismo foron soterrados, nunha tumba colectiva identificada cunha praca cos nomes de catro deles - Edmundo Peinado Ponte, Luis Palleiro Freire, Ángel Rilo Raposo e Antonio González Costa –, e lembranza aos outros catro, un deles, de nome Fermín.

Durante o acto, moi emotivo, o deputado de Memoria Histórica Efrén Castro sinalou que "hoxe é un día de dignidade" e dixo sentirse honrado de participar nun acto de homenaxe "a persoas que nos dignifican como pobo".

"Persoas coma elas que entregaron a súa vida en defensa de valores democráticos acenderon un facho de esperanza para que xeracións como a miña poidamos expresar as nosas ideas políticas sen medo a represalias", sinalou o deputado nacionalista, que que agradeceu o traballo e a perseverancia da Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo para "contar o que pasou", ao tempo que lembrou que "outras moitas persoas seguen aínda nas cunetas".

Tamén aludiu à responsabilidade "que temos como sociedade de traballar para non deixar volver a historia atrás" fronte ao avance da ultradereita no Estado español e no resto de Europa.

Entre a veciñanza que participou no acto, atopábanse Xosé Martínez Vázquez, veciño de Santa Mariña, que sinalou a ubicación da fosa común na que foron localizados os restos no 2019. Tiña 6 anos cando as vítimas foron executadas, nos últimos meses de 1936. Tamén o párroco Alfonso Blanco, que colaborou coa ARDF en todo o proceso de investigación, exhumación e dignificación. A área de Memoria Histórica asumiu, a través dun convenio co ARDF, o financiamento íntegro da dignificación dos restos.