A Vicepresidencia da Deputación achega o traballo artesán ao público para celebrar os Días Europeos da Artesanía
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, a deputada de Cultura Iria Castro e a concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro achegáronse este mediodía aos obradoiros e demostracións de coiro, cerámica e textil que se están a desenvolver na Capela de Santa María coincidindo cos Días Europeos da Artesanía.
As firmas de artesanía Tres Caracoles, LeCoop, Ceniza de Papel, La Bellota Mágica e Fusaiola son as encargadas de realizar as actividades, coas que se pretende achegar ao público o traballo das artesás e artesáns e poñer en valor a súa riqueza e singularidade.
Efrén Castro animou á “participar nestas actividades que ofrecen a posibilidade de ver en directo o traballo artesán, coñecer as técnicas, ferramentas e materiais que empregan e, sobre todo, probar a facer coas propias mans algunhas pezas”.
As actividades, abertas ao público, continuarán ao longo da fin de semana, en horario de mañá – de 10.30 a 14.00 horas – e tarde -17.00 a 20.00 horas -.
Coiro
Con TRES CARACOLES (Ana Novo Barreiro)
Mostrario de diferentes tipos de peles, ferramentas e tinguiduras.
Exposición de pezas
Demostracións: Proceso completo de elaboración dun cinto. Tintado con muñequilla e con escuma. Elaboración de follas de coiro na que o público poderá intervir e levar a sùa folla como recordo da experiencia.
Con LeCOOp (Víctor Montero Fernández)
Mostrario de diferentes tipos de peles, ferramentas e tintes.
Exposición de pezas
Demostracións: Elaboración dunha funda para dispositivo electrónico. Corte,tinguido, cosido, terminación de bordes e acabado final.
Cerámica
Con CENIZA DE PAPEL ( Mª Josefa Sánchez Castedo) e LA BELLOTA MÁGICA (Inmaculada Díaz Cabado)
Barro, ciencia e paqciente. O obxectivo do taller é dar a posibilidade de gozar ca arxila, coñecela e manipulala para que os participantes que se animen podan facer a súa propia peza utilizando distintas técnicas, como planchas, churros ou torno. Descubriremos que hai moitas formas de traballar o barro, a súa preparación, amasado e técnicas
Os días 4 e 5 as dúas artesáns mostrarán como é o día a día nos seus talleres compartindo coñecementos, técnicas e trucos que utilizan para as súas creacións. Expoñeranse as ferramentas e materiais propias do taller de cerámica e a metodoloxía do traballo. Adicionalmente os días 6 e 7 faranse demostracións participativas na que os asistentes poderán experimentar a arte da cerámica elaborando a súa peciña.
Artesanía textil
Con FUSAIOLA (Lourdes Otero Mato)
Explicación da montaxe dos teares de alto e baixo lizo, tipos de ligamentos e ferramentas empregadas na labor; así como a obtención de materias primas tradicionais e modernas. Mostrario de pezas elaboradas no tear con distintos debuxos e remates. Demostración de tecido en tear de alto e baixo lizo.
Ao remate das explicacións os participantes que así o desexen poderán sentar fronte ós teares de alto e baixo lizo e tecer uns centímetros baixo as explicacións da artesá.
A visita á demostración poderá facerse por orde de chegada ou en grupos de máximo 8-10 persoas, tal como se acorde o itinerario entre os artesáns participantes.