Viveiro acolle do 12 ao 15 de agosto unha nova edición da Feira do Libro coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa organización da Feira do Libro de Viveiro, que se celebra do 12 ao 15 de agosto nos xardíns Noriega Varela. O Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo está entre as trece librarías e editoriais que participan esta edición na que se inclúe un amplo programa de presentacións, concertos, contacontos e actividades de animación á lectura.
O deputado de Mocidade Daniel García participou este mediodía na inauguración da cita cultural,onde explicou que a Vicepresidencia da Deputación do Lugo colabora coa Federación de Librarías na organización das feiras do libro da provincia. “Estas feiras danlle á lectura unha visibilidade e unha dimensión colectiva que resulta moi propicia para crear e fidelizar lectoras e lectores. Ademais, supoñen unha oportunidade para coñecer novidades editoriais e impulsar as vendas das librarías, que son fundamentais para soster unha rede cultural forte nos nosos concellos, no noso país”, destacou
O pregón correu a cargo da directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro García que, ademais de reclamar maior recoñecemento social para escritoras e escritores, quixo romper unha lanza a prol do ensaio divulgativo, destacando o traballo de investigación e documentación que require este xénero.
Á súa intervención, seguiu a da pregoeira infantil, Sofiya Insua Evtyukova, unha gran lectora que participa habitualmente nas actividades da biblioteca municipal de Viveiro, que compartiu co público as sensacións que experimentou ao aprender a ler.
O Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo conta cun posto na feira, na que participan trece librarías e editoriais. A feira inclúe un amplo programa de presentacións, concertos, contacontos e actividades de animación á lectura.