Cultura
Deputación de Lugo

Viveiro acolle do 12 ao 15 de agosto unha nova edición da Feira do Libro coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Feira do libro
Viveiro
AURELIA BALSEIRO
DANIEL GARCÍA
A directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro inaugurou a feira cun pregón no que reivindicou o ensaio divulgativo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa organización da Feira do Libro de Viveiro, que se celebra do 12 ao 15 de agosto nos xardíns Noriega Varela. O Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo está entre as trece librarías e editoriais que participan esta edición na que se inclúe un amplo programa de presentacións, concertos, contacontos e actividades de animación á lectura.

O deputado de Mocidade Daniel García participou este mediodía na inauguración da cita cultural,onde explicou que a Vicepresidencia da Deputación do Lugo colabora coa Federación de Librarías na organización das feiras do libro da provincia. “Estas feiras danlle á lectura  unha visibilidade e unha dimensión colectiva que resulta moi propicia para crear e fidelizar lectoras e lectores. Ademais, supoñen unha oportunidade para coñecer novidades editoriais e  impulsar as vendas das librarías, que son fundamentais para soster unha rede cultural forte nos nosos concellos, no noso país”, destacou

O pregón correu a cargo da  directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro García que, ademais de reclamar maior recoñecemento social para escritoras e escritores,  quixo romper unha lanza a prol do ensaio divulgativo, destacando o traballo de investigación e documentación que require este xénero.

Á súa intervención, seguiu a da pregoeira infantil, Sofiya Insua Evtyukova, unha gran lectora que participa habitualmente nas actividades da biblioteca municipal de Viveiro, que compartiu co público as sensacións que experimentou ao aprender a ler.

O Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo conta cun posto na feira, na que participan trece librarías e editoriais. A feira inclúe un amplo programa de presentacións, concertos, contacontos e actividades de animación á lectura.