Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación organiza o cuarto Celme de Zanfona, cun programa centrado nos cegos cantores que se amplía con actividades complementarias ata fin de ano

CELME DE ZANFONA
EFRÉN CASTRO
IRIA CASTRO

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza a cuarta edición de Celme de Zanfona, un encontro ao redor deste instrumento milenario, que se desenvolverán do 12 ao 15 de setembro no Centro de Artesanía e Deseño de Lugo.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, a deputada de Cultura Iria Castro e o coordinador do programa e director da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros Luciano Pérez presentaron o encontro que terá como eixo temático o papel dos cegos cantores como portadores da esencia das músicas de tradición oral desde a Idade Media.

Músicos e investigadores da tradición oral como Anxo Pintos, Miro Casabella, Iván Abal, Óscar Fernández ou Félix e Castor Castro Vicente impartirán diferentes clases maxistrais e relatorios sobre o repertorio, os recursos técnicos e expresivos e o contexto en que se desenvolveron estes músicos itinerantes ao longo da historia. O programa inclúe  un espazo destinado a instrumentais emerxentes como María López Carballo ou Carme Romero Díaz, un concerto de cantos de cegos de Galiza e Portugal e un espectáculo teatralizado de Quico Cadaval qe recrea a alianza dos cegos cantores coa arte dos monicreques.

O Celme de Zanfona conta ademais nesta edición cun amplo programa de actividades complementarias que se desenvolverán ao longo do ano, artelladas ao redor da exposición Pregos de Cordel: Crimes, Monstros e Milagres, con materiais e documentos do Arquivo Castro Vicente que amosan as cualidades formais, editoriais, literarias e relativas a estampa deste xénero.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro valorou “a consolidación deste encontro que puxemos en marcha coa intención de dinamizar e proxectar o patrimonio musical do Centrad, reunido na Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros, e a bagaxe de formación e investigación que a institución provincial acumulou durante décadas grazas ao obradoiro de construción de instrumentos, pioneiro na recuperación da zanfona” e destacou “a variedade de propostas que confluén no programa desta edición, desde clases maxistrais ata espectáculo teatralizados, e o reforzo das actividades complementarias, que se extenderán ata final de ano”.

As inscricións para participar nas clases maxistrais e nas actividades pechadas do programa poden realizarse a través do enderezo electronico celmedezanfona@gmail.com

PROGRAMA