O Auditorio de Chantada acolle a obra máis recente de Manuel Jorge, co apoio da Deputación
- Paralelamente, o Museo Provincial inaugurou este xoves a 1ª parte desta colección que amosa a obra pictórica do autor, dende 1958 ao 2017, estará exposta ata o 11 de novembro.
- Manuel Jorge (Chantada, 1929), pintor prolífico e autodidacta, marchou estudar arquitectura en Madrid, viviu en Menorca e Cadaqués, instalándose finalmente en Xàbia, na Marina Alta alicantina, onde é un arquitecto recoñecido. A día de hoxe non ten á venda ningún dos seus cadros que suman mais de 2.000 pezas entre esbozos, pinturas e obra gráfica
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, inaugurou este sábado no Auditorio de Chantada a colección do artista Manuel Jorge, que recolle obras pintadas nos anos 2016 e 2017, o que converte a esta mostra nunha homenaxe á parella do artista, Cristina Snellman. No acto, estivo acompañada polo Alcalde de Chantada, Manuel Varela, así como representantes da asociación Amigos de Manuel Jorge, e a comisaria da mostra, Alba Sánchez Vázquez. Paralelamente, o Museo Provincial inaugurou este xoves, a 1ª parte desta colección que amosa a obra pictórica do autor, dende 1958 ao 2017, e estará exposta ata o 11 de novembro.
García Porto remarcou que “gracias ao traballo realizado ao longo destes anos pola Asociación Amigos de Manuel Jorge, hoxe, todos os galegos coñecemos a obra deste artista chantadino, que era descoñecida para o público en xeral. Un home de 89 anos que nunca esqueceu as súas raíces e que sigue vencellado a súa terra natal”.
A Deputada lembrou tamén, que “este xoves inauguramos a 1ª parte desta colección no Museo Provincial de Lugo, baixo o titulo “Pinceladas de sombra, trazos de luz”. Na parte do refectorio, pode verse a etapa máis figurativa do autor, na meirande parte retratos, e obras relacionadas con Galicia. E na sala de exposicións pode contemplarse a obra abstracta do autor. Pinturas que dan conta das súas viaxes, e tamén pode verse o paso dunha abstracción máis delicada e paisaxística e outra mais marcada e detallada. Neste apartado faise máis visible a influencias dos trazos arquitectónicos na súa pintura”.
Concerto homenaxe
No Auditorio de Chantada celebrouse tamén un concerto en homenaxe a Manuel Jorge dos músicos Manuel, Javier e Luís López Jorge. Os tres irmáns, con raíces chantadinas e familiares do artista, que ofreceron un repertorio de cámara de violíne piano presentando, entre outras pezas, unha sonata para piano inspirada na obra do pintor composta e interpretada por Manuel López Jorge.
Un artista de 89 anos con máis de 2.000 pezas
Manuel Jorge (Chantada, 1929), pintor prolífico e autodidacta, marchou estudar arquitectura en Madrid, viviu en Menorca e Cadaqués, instalándose finalmente en Xàbia, na Marina Alta alicantina, onde é un arquitecto recoñecido onde vive actualmente. A día de hoxe non ten á venda ningún dos seus cadros que suman mais de 2.000 pezas entre esbozos, pinturas e obra gráfica.
Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada
Esta nova exposición fíxose coa colaboración da Asociación de Amigos de Manuel Jorge de Chantada, impulsora desta iniciativa, unha entidade que naceu a raíz da primeira exposición retrospectiva que se fixo do autor en Galicia, e que organizou na súa vila natal, Chantada no 2016. A mostra, titulada: Manuel Jorge. Pinceladas galegas, trazos mediterráneos, coa que se recuperou o seu legado para Chantada. Tras esa exposición creouse esta asociación para que servise ao mesmo tempo, como motor cultural da arte contemporánea na comarca de Chantada.