
TÍTULO
Mil documentos sobre a muralla romana de Lugo. Séculos do XVI ao XX
Autor
Adolfo de Abel Vilela
ANO DE EDICIÓN
2026
O traballo do historiador lugués Adolfo de Abel Vilela sobre a muralla de Lugo é un referente a todos os niveis. Neste volume, o autor compila e transcribe un enorme arquivo documental sobre o monumento grazas ao que podemos ver a súa evolución durante os catro últimos séculos completos até o s. XX.
Estes documentos foron sobre os que seu forma ao actual Plan Director da muralla romana de Lugo e grazas á vontade e o traballo do autor están aquí a disposición de quen quixer para se documentar.

TÍTULO
Cantareiras e Cantares. Un ano en cantigas. Axenda 2025
AUTORAS
Servizo de Publicacións e Branca Villares
ANO DE EDICIÓN
2025
Polas Letras Galegas de 2025 recoñecemos a poesía da tradición oral das mulleres como elemento fundamental na transmisión da cultura e lingua galegas. As pandereteiras foron esquecidas nos diferentes procesos de patrimonialización dos elementos que conforman a nosa cultura. Irromperon coa espectacularización do folclore a fins dos anos 60 e camiñaron un longo traxecto até ser recoñecidas como o piar sociocultural que antes foron e, sen dúbida, son hoxe.
Saen aquí as mulleres d’antes, fotografadas e recollidas en audio por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina no solpor do século XX. Desfrutámolas grazas á colaboración do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.
Saen tamén cantando as mulleres d’agora, as do albor do s. XXI, da man de Branca Villares Naveira ofrecéndonos un ano en cantigas, como mostra da relación directa entre as coplas e o ciclo do ano; como mostra de que aínda quedan moitos cantares, vellos e novos, cos que contar as alegrías e os padeceres desta vida que nos leva.
Vivan as nosas cantareiras e sigan.

TÍTULO
Navegando a bordo do San Lourenzo de Foz.
Autor
Antón Niñe Fernández
ANO DE EDICIÓN
2018
Neste volume Antón Niñe tráenos a historia do San Lourenzo de Foz, embarcación dedicada ao transporte de mercancías por cabotaxe principalmente pola costa norte galega e española desde A Coruña até Hondarribia. O barco foi construído en 1944 nun estaleiro de Asturias e despezárono en 1965. Navegou 21 anos, 19 deles seu pai estivo a bordo, 4 de mariñeiro e 15 de patrón. O barco levaba 9 tripulantes entre o patrón, o fogoneiro, o cociñeiro e os mariñeiros. Seu pai gardou os cadernos de bitácora e varios diarios das viaxes do barco. Estes cadernos, xunto coas entrevistas aos antigos tripulantes dan forma a esta investigación que nos leva a unha época na que o transporte de mercancías de longa distanca por estrada no norte da península non era unha tarefa moi viable.
A primeira viaxe que fixo o San Lourenzo foi de Viveiro a Xixón e as máis longas foron a Sevilla e Huelva (Andalucía) e a Hendaya (Francia). Ademais dos datos de navegación e carga das diferentes travesías, o San Lourenzo foi protagonista de varios sucesos interesantes que chegaron a aparecer na prensa, como o salvamento da tripulación do barco Rosalina en 1960, antes de que este se fora a pique. Outras anécdotas son que en 1944 entrou ao porto de Foz de popa, porque non podía facelo de proa, seguramente polo pouco calado.
No libro, tamen se testemuña como pasaban o tempo de lecer os mariñeiros cando estaban en porto. Saían dar paseos, tomaban algo, lían novelas, escoitaban música, tocaban a gaita e, ás veces, un futbolista que coñecían, Xesús Ares, dáballes entradas para ir ver partidos de fútbol nos portos de destino, se el xogaba.
A vida a bordo dun barco cotián, a vida duns mariñeiros que xa non existen.

TÍTULO
Formas tradicionais da cerámica popular. Samos.
Autores
Hixinio Flores e Orlando Viveiro
ANO DE EDICIÓN
2018
Das catro zonas oleiras da provincia de Lugo, Bonxe, Gundivós, Mondoñedo e Samos, a de Samos foi, probablemente, a menos coñecida e estudada. Da cerámica de Samos existen referencias documentais seculares que certifican a existencia e implantación da actividade oleira na zona, cando menos, desde o século XVIII. As investigacións vertidas neste libro móstrannos a existencia desta actividade artesá nas parroquias de Calvor, Renche, Romelle ou Santa María de Loureiro. Un oficio que fica na memoria de moi poucos veciños e que se testemuñou vivo ata os primeiros anos da década dos cincuenta do século XX. As súas formas, tipoloxías, técnicas e lugares de desenvolvemento son traídos á luz con este traballo, que nos devolve a todos os útiles creados durante centos de anos para o uso diario, un conxunto de cacharros que lle serviu ben e de forma duradeira ao día a día das comarcas do sur da nosa provincia, aspecto que se referenda no estudo de cada unha das pezas, certificando a súa procedencia e lonxevidade. Os barraxeiros ou louceiros, como se coñeceu na zona o oficio, foron un colectivo de artesáns asentado nas terras circundantes ao antigo couto do mosteiro bieito de Samos, fabricaron cacharros cunha estética propia.Unha visible variedade de modelos nos que a robustez nos bordos, bocas, pichos e asas aparece como unha característica común, sen perder finura na execución nin beleza na forma. Ademais das súas formas propias, a cerámica de Samos destaca polos seus fornos, xa que presentan unhas características particulares que os diferencian doutros ámbitos xeográficos de produción oleira na provincia de Lugo e en Galicia. Nas parroquias do concello de Samos de tradición oleira, ao espazo onde se sitúa o forno chámaselle “oficio” e adoita estar integrado no conxunto da casa familiar, sendo este, por si mesmo, un elemento diferenciador desta zona en comparanza con outras bisbarras oleiras de Galicia. Este libro vén sendo como o picarelo na casa do oleiro. O sinal que nos indica aos demais o que se atopa embaixo del, o oficio que alí se desenvolve e a destreza coa que se traballou

TÍTULO
Coleccionismo y almoneda del gran Conde de Lemos D. Pedro Fernández de Castro
AUTORA
Manuela Sáez
ANO DE EDICIÓN
2018
A presente publicación presenta o documento completo da tasación e posterior almoneda levada a cabo en Madrid logo da morte de Don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos en maio de 1623. Don Pedro (1576-1622) foi figura principal durante o reinado de Felipe III, chegando a desempeñar cargos como o de presidente del Consejo de Indias, Virrei de Nápoles (1610-1616) ou presidente do consello de Italia entre outros. Destacable foi o seu papel de mecenas de moitos artistas e literatos da súa época: Miguel de Cervantes, Lope de Vega, Luís de Gongora, Francisco de Quevedo destacan entre a súa profusa nómina.
Á coidadosa transcrición do documento acompaña un estudo previo do xeito no que se desenvolveu a almoneda e o seu contido, separado en capítulos dedicados á pintura, pratería, textís e mobiliario. A tal documento engádense outros dous inventarios: o primeiro de 1633 ao ingresar a viúva do conde, Dona Catalina de la Cerda e Sandoval no convento das clarisas de Monforte e un segundo de 1647 cando se trasladan ao novo edificio mandado construir pola condesa. Finalmente inclúense outros 13 documentos onde se relacionan os obxectos que a condesa tomou para si e as contas económicas derivadas de todas estas actuacións.
Este libro ofrece a investigadores e interesados profusa información aplicable a moitos campos de estudo histórico, dada a riqueza en obxectos de todo tipo descritos e valorados economicamente no conxunto documental recollido.

TÍTULO
Homenaxe a Xosé Vizoso. Fillo Predilecto de Mondoñedo
COORDINACIÓN
Colectivo Mondoñedo É...
ANO DE EDICIÓN
2017
Este libro recolle unha ampla e variada información biográfica e artística, ilustrada con numerosas fotografías, sobre Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950 – Brión, 2025), artista polifacético que destacou como ilustrador, deseñador cerámico, de logotipos e tipografías, cartelista, escultor, muralista, caricaturista, retratista e escenógrafo.
Como se comenta no correspondente capítulo, aínda queda moita obra de Vizoso por coñecer. Colaboraron Xe Freyre, Juan Puchades, Armando Requeixo, Daniel Río "Caxigueiro", Antonio Reigosa, Pedro Cabarcos, Xoán Guerreiro, Antón Caxoto, J Pedro Gómez, Fran Bouso, Francisco Piñeiro e Miguel Fernández Cid. O capítulo de peche, denominado "Agarimos para Xosé Vizoso", recolle as colaboracións gráficas e literarias de máis de setenta amigos e amigas qeu o felicitaron desta maneira polo seu nomeamento como Fillo Predilecto de Mondoñedo en Marzo de 2017.


TÍTULO
Mondoñedo, catedral, cidade e bispado na segunda metade do século XV
AUTOR
Enrique Cal Pardo
ANO DE EDICIÓN
2016
Este traballo foi unha angueira encomiable de monseñor Cal Pardo, deán e arquiveiro da catedral de Mondoñedo para o que a catedral, a cidade e o bispado de Mondoñedo constituíron os tres eixos fundamentais de investigación histórica durante toda a súa vida. Rescátase aqui unha documentación esencial para o coñecemento da historia baixomedieval de Mondoñedo e de Galicia, nun convulso século XV no que tiveron lugar algúns dos feitos máis coñecidos e rememorados pola historia e polo lendario mítico da cidade e de Galicia.
Os documentos que aparecen transcritos neste libro atesouran, ademais do seu valor histórico, unha valiosísima fonte de información no eido lingüístico para seguir afondando no coñecemento do galego que se escribía no século XV e constatar a súa paulatina substitución polo castelán. Nestes documentos do Cabido mindoniense este cambio sitúase na última década do século e prodúcese da man do clérigo Bartolomé García, notario pola autoridade apostólica e ordinaria.
A análise da documentación desvelada aquí fornece, sen dúbida, multitude de datos que nos achegan a un coñecemento máis rigoroso da nosa historia e tamén da nosa microhistoria; aquela que informa das vidas das persoas, dos seus quefaceres cotiáns, dos seus medios de vida, das súas relacións e dependencias, ben fosen estes homes, mulleres, dignidades eclesiásticas e civís ou anónimas xentes do común que viviron do traballo das súas mans nos máis diversos oficios.
O deseño da cuberta foi de Xosé Vizoso.