Cultura
Deputación de Lugo

Lugo acolle por primeira vez un simposio internacional sobre a ourivería galega, que promove o Goberno da Deputación

Arqueoloxía
cultura
Presentación Simposio Internacional de Ourivería
Xa está aberta a inscrición para participar neste Congreso Internacional de Arqueoloxía do ouro, que se celebrará os días 7, 8 e 9 de novembro, no Salón de Actos da Deputación. Na web; www.deputacionlugo.gal, hai un banner coa información

Participarán expertos internacionais que intervirán en catro sesións temáticas: Terra Auris, Tecnoloxía da ourivería antiga, O ouro e os sentidos e A ourivaría antiga na sociedade actual

García Porto avanzou que “facemos este Congreso para poñer en valor os recursos patrimoniais e arqueolóxicos que posúemos na provincia, e coas que tratamos de promover e difundir a ourivaría antiga como fonte de información e documentación”

Esta iniciativa cultural conta co apoio europeo AEPC 2018 baixo o lema "Our heritage. Where the past meet the future" (Nuestro patrimonio. donde el pasado se encuentra con el futuro")

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, a Directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro García, a membro do Comité Científico do Congreso representante da USC, Ana Goy Díaz, e a Xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago González presentaron este luns, no Museo Provincial, o Programa do Congreso Internacional de Arqueoloxía do ouro, que se celebrará os días 7, 8 e 9 de novembro, patrocinado e financiado polo Goberno da Deputación. Esta iniciativa cultural conta co apoio europeo da AEPC 2018, baixo o lema "Our heritage. Where the past meet the future" (Nuestro patrimonio. Donde el pasado se encuentra con el futuro)".

A inscrición para participar xa está aberta, a cita está organizada polo Museo Provincial de Lugo e o Instituto de Estudos da Cidade de Lugo pertencente á USC, a matrícula é gratuíta e conta con 140 prazas. Na Web da Deputación hai banner habilitado con toda a información sobre este Congreso.

García Porto anunciou que “por primeira vez se celebra en Galicia, concretamente en Lugo, un simposio internacional sobre a ourivería galega, que promove o Goberno da Deputación. E facémolo para poñer en valor os recursos patrimoniais e arqueolóxicos que posúemos na provincia, e coas que tratamos de promover e difundir a ourivaría antiga como fonte de información e documentación”

A Deputada explicou que estas xornadas “estudarán a ourivaría dende un punto de vista arqueolóxico, e trataranse temas que teñen que ver coa paisaxe aurífera e circulación do ouro, tecnoloxía da ourivería antiga, e a ourivería antiga na sociedade actual. Ademais, esta cita, contribuirá a difundir, relacionar e poñer en valor as coleccións de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo, así como as aportacións científicas de investigadores relacionados co ouro antigo, e contribuír ao seu estudo e divulgación”.

A Deputada convidou a todos os interesados a participar nestas xornadas “xa que esta cita convertese nunha oportunidade única para todos aqueles profesionais de museos, profesores, alumnos ou investigadores que desexen enriquecerse do coñecemento dos poñentes internacionais que veñen dende diferentes países de Europa, concretamente de Irlanda, Reino Unido, Francia, Alemaña, Portugal e España.

Relatorios e Conferencia Inaugural
A Conferencia inaugural deste Congreso será impartida polo ourensán Marcos Martinon –Torres, quen asumiu recentemente a Cátedra Pitt-Rivers de Ciencia Arqueolóxica, na Universidade de Cambridge, despois de varios anos liderando un grupo internacional de investigadores como Profesor of Archaeological Science na University College London. O seu traballo céntrase na análise científica de artefactos arqueolóxicos, buscando pistas para investigar a súa fabricación, orixes ou datas. Traballou en proxectos de investigación en Europa, América, Asia e África, e os seus proxectos máis destacados concentrarse hoxe sobre Exército de Terracota de China, e ouro precolombino en Sudamérica. É autor de máis de 120 publicacións, deu conferencias públicas en máis de 20 países e apareceu en varios documentais de televisión difundidos internacionalmente.

Ademais haberá mais de 20 relatorios entre os que destacan, Chris Standish co uso da xeoquímica; Barbara Armbruster sobre o ouro nos inicios da metalurxia; Alicia Perea, mastros ourives galegos; Jody Joy falará dos torques áureos; Thomas Schattner da iconografía castrexa; Mary Cahill imaxes solares da Idade de Bronce ou Beatriz Comendador do ouro mitolóxico. Toda a información cos relatorios esta dispoñible na dirección https://www.arqueoloxiaouro.org/.

4 Sesións temáticas
Neste Congreso de Arqueoloxía do ouro, trataranse os seguintes temas:

  1. Terra Auris: paisaxe aurífera e circulación do ouro. Estudos de minería e xeoquímica para o estudo das procedencias e a circulación do ouro. Xeografía dos achados de ourivería, dispersión dos metais e das pezas. Recursos e explotacións mineiras, etc. Moderador e presentación da sesión: Marcos Martinón-Torres.
  2. Tecnoloxía da ourivería antiga. Estudo da ourivería antiga e dos diferentes ámbitos tecnolóxico nos que se insire. Metodoloxías analíticas, resultados e novidades na investigación científica... Moderador e presentación da sesión: Xosé Lois Armada
  3. O ouro e os sentidos. A ourivaría como símbolo, relacións de identidade, xénero, poder/prestixio. Simbolismos e significados. Moderadora e presentación da sesión: Aurelia Balseiro
  4. A ourivería antiga na sociedade actual. Estudos e investigación no campo das relacións interdisciplinarias dende a etnoarqueoloxía, antropoloxía, museoloxía, percepción do ouro nas sociedades antigas e modernas e construción de identidades narrativas arredor da ourivaría. Moderadora e presentación da sesión: Beatriz Comendador

 

Presentación Simposio Internacional de Ourivería