Cultura
Deputación de Lugo

Os museos da Deputación serán sede da XIX Conferencia Internacional de MINOM

cultura
Museos
Imaxe deputación de lugo
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, informou este venres que os museos da Deputación acollerán esta congreso durante o terceiro trimestre do 2019

García Porto destacou que “é un recoñecemento a nivel internacional do traballo a Rede Museística, e da súa proxección mundial, pioneira a nivel de Galicia no eido da Museoloxía Social”

Por medio desta xuntanza, os museos da rede vanse converter nun lugar de encontro de prestixiosos profesionais de museos de todo o mundo, cuxos debates e conclusións colocarán a nosa provincia no epicentro da Museoloxía Social internacional

O MINOM xa premiou ao Goberno Provincial pola súa labor social elixíndoa a nivel mundial para custodiar o seu arquivo documental. Son, por exemplo, documentación dos seus encontros, congresos internacionais ou as memorias de grandes pensadores mundiais da museoloxía social, como Hugues de Varine e Pierre Mayrand

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, informou este venres que os museos da Deputación serán sede da XIX Conferencia Internacional de MINOM 2019 (Movemento Internacional para Unha Nova Museoloxía), durante o terceiro trimestre do ano que vén. No acto participaron tamén a Xerente da Rede Museística Provincial,  Encarna Lago González e a Directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro García.

García Porto destacou que “esta decisión do MINOM supón, na práctica, un recoñecemento a nivel internacional do traballo desenvolto nos últimos anos pola Rede Museística da Deputación de Lugo, así como a proxección mundial desta rede, pioneira a nivel de Galicia no eido da Museoloxía Social. Por medio desta xuntanza, os museos da rede vanse converter nun lugar de encontro de prestixiosos profesionais de museos de todo o mundo, cuxos debates e conclusións colocarán a nosa provincia no epicentro da Museoloxía Social internacional”.  

Máis recoñecementos
A Deputada lembrou tamén que o MINOM recoñeceu xa a labor social do Goberno Provincial elixíndoa a nivel mundial para custodiar o seu arquivo documental. Son, por exemplo, documentación dos seus encontros, reunións e congresos internacionais ou as memorias e dossieres de grandes pensadores mundiais da museoloxía social, como Hugues de Varine e Pierre Mayrand. O MINOM así o decidiu para pór en valor a labor social que o Goberno da Deputación leva a cabo dende a Rede Museística Provincial, pois facilita o acceso e coñecemento sobre o patrimonio e a cultura da provincia a todos os lucenses, “aos seus verdadeiros propietarios”, por igual.

Faino desenvolvendo programacións e actividades que rompen barreiras, dirixidas especialmente aos colectivos máis vulnerables. Son exemplo disto os programas Fotografía a Cegas, Nós+Outrxs ou Culturas en Diálogo, entre outras. E é que o Goberno Provincial fixo que a Deputación sexa a día de hoxe a única institución en España que traballa de xeito permanente dende os catro museos provincias con este modelo de sociomuseoloxía, que comparte co MINON. Trátase dun modelo que estudan 9 universidades e 11 países e que fixo da Rede Museística Provincial un referente na corrente da Museoloxía Social en Europa.

MINOM
O Movemento Internacional para Unha Nova Museoloxía é unha rama do Consello Internacional de Museos (ICOM) que busca que as institucións museísticas xeren accións patrimoniais nas que se impliquen aos colectivos sociais. O Museo de Tor custodia dende hoxe todo o seu fondo documental orixinal, que recolle o conxunto do seu traballo en defensa do acercamento antropolóxico ao patrimonio.