O Goberno da Deputación promove con 6.000 euros o XVI Castañazo Rock de Chantada, que conta con 13 concertos
García Porto subliñou que “este festival é unha oportunidade para descubrir toda a riqueza do patrimonio que posúe a comarca de Chantada, a través das diversas ofertas turísticas das que dispón a zona”
Na xornada do sábado haberá Castañazo Infantil, Cantos de Taberna, Xogos Bravús, e o evento rematará cun Magosto ás 20:00 horas no recinto do festival
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou este mércores na Casa da Cultura de Chantada a XVI edición do Castañazo Rock, que organiza a Asociación Cultural O Castañazo. No acto, estivo acompañada polo presidente deste colectivo, Ibán Gómez Vázquez, e do Concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez Carballo. O festival, que conta cun investimento da Deputación de 6.000 euros, terá lugar no mercado gandeiro da localidade os días 2 e 3 de novembro.
García Porto sinalou que “con este evento contribuímos a dinamizar económica e socialmente o Concello de Chantada, así como a propia comarca, pois é un evento que ano a ano move a centos de persoas. Música, gastronomía e tradición son os 3 eixos fundamentais deste cita, totalmente consolidada na nosa provincia. Trátase ademais dun bo momento para desfrutar da riqueza turística e descubrir todas as potencialidades do sur da provincia”.
O prezo das entradas para un día é de 20 euros en venta anticipada e o bono para os dous días é de 32 euros. Os billetes pódense adquirir en www.castanhazo.com. A Asociación O Castañazo habilitará autobuses para as persoas que asistan ao festival. Para os visitantes que desexen quedarse de acampada gratuíta en Chantada, a organización pon á súa disposición, os pavillóns do IES Val do Asma, o CEIP Eloisa Ribadulla, o IES Lamas das Quendas e o CEIP Xoan Requeixo.