A Deputación presenta o catálogo da colección de Ourivería Antiga do Museo Provincial
García Porto lembrou o importante esforzo, tanto económico como humano, “para poñer en valor esta colección de ourivería da Deputación, coa adquisición da colección de Álvaro Gil, a renovación museográfica da sala do Ouro e co Congreso Internacional de Ourivería que se celebra esta semana”
A publicación, coordinada por Aurelia Balseiro, reúne 55 pezas de ourivería galega, con colares, brazaletes, torques, pulseiras, pendentes, tortas áureas, aneis, aramios e outras pezas como o Torques de Burela e o carneiro alado, entre outras xoias
O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, e a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentaron este luns no Museo Provincial de Lugo, o Catálogo de Ourivería Antiga do Museo. Ao acto asistiron tamén a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez López; a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro García; a coautora do catálogo, Ofelia Carnero Vázquez; o Xefe de Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Xoán Ramiro Cuba Rodríguez; e a Xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo, Encarna Lago, así como os colaboradores desta edición.
A publicación, coordinada por Aurelia Balseiro, recolle 55 pezas de ourivería prerromana, de ouro e prata, situadas cronoloxicamente entre o III milenio a.C. e o século VI d.C.; 40 delas proceden da colección do filántropo Álvaro Gil Varela, declaradas Ben de Interese Cultura en 2015 e adquiridas polo organismo provincial; e as outras 15 pertencen aos fondos do Museo. O libro ofrece información detallada sobre a composición desta colección, da súa orixe así como unha descrición pormenorizada de todas e cada unha das pezas e do seu contexto histórico e cultural.
Fernández Queipo remarcou que “con esta nova edición poñemos a disposición de todos unha obra de referencia que aborda a catalogación rigorosa desta colección, e na que se inclúe unha visión actual con detalles técnicos da man de expertos e especialistas nesta materia. Esta obra reúne o legado dos nosos devanceiros, pezas de arqueoloxía que son indicadores dun pasado vizoso dos pobos do noroeste que conformaría posteriormente a Gallaecia romana ou xa despois o primeiro reino moderno de Europa, o Reino de Galiza”.
Poñer en valor esta colección
García Porto lembrou que o Goberno da Deputación realizou un importante esforzo, tanto económico como humano, para poñer en valor a colección de ourivería da Deputación. “No mes de febreiro deste mesmo ano asinamos a adquisición do último lote de pezas da colección de Álvaro Gil. E no mes de agosto presentamos a renovación museográfica da sala do Ouro, respondendo así ás necesidades de accesibilidade universal, seguridade e conservación desta singular colección. E tamén esta mesma semana celebraremos o Congreso Internacional de Ourivería”, resumiu.
A Deputada de Cultura agradeceu a implicación e o traballo da Directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, e de todo o seu equipo, xa que foron capaces de impulsar esta singular colección de ourivería, co fin de que pase a formar parte da historia de todos os lucenses e de todos os galegos.
Aurelia Balseiro sinalou a importancia desta publicación “con esta obra contribuímos a engrandecer a nosa identidade como pobo, e tamén o noso patrimonio cultural galego”. Pola súa banda, Xoán Cuba Rodríguez destacou “a complexidade da edición gráfica das fotografías da xoias e dos fondos, que son de gran calidade, así como a boa coordinación dos diferentes colaboradores, deseñadores, maquetistas e autores que participaron na elaboración do libro”.
A Colección de Ourivería Antiga do Museo Provincial de Lugo
O catálogo, con prólogo de Raquel Casal García, está dividido en seis seccións. A primeira, introdutoria sobre o traballo e a realización de pezas con ouro. O segundo capítulo achega unha das principais investigacións da publicación, a cargo de Aurelia Balseiro, sobre ourivería antiga. O terceiro e cuarto capítulo integran un contido novidoso, desde o punto de vista técnico, xa que están adicados ao estudo de composición das pezas do catálogo, desde a perspectiva química e o estado físico-químico dos obxectos. O capítulo quinto expón o catálogo de 55 pezas de ourivería realizado por Ofelia Carnero. A última parte do libro inclúe unha bibliografía básica e glosario, con anexos e textos. Está publicación pode adquirise nas librerías a un prezo de venta ao público de 30 euros.
-BALSEIRO GARCIA, AURELIA (COORD.) A Colección de Ourivería Antiga do Museo Provincial de Lugo, 263 pp., Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Lugo, 2018 .