Cultura
Deputación de Lugo

O Museo Provincial acolle a retrospectiva do escultor Juan Puchades

exposicións
Exposición Puchades
A colección, estará exposta ata o 27 de xaneiro, e esta composta por 47 obras, 4 maquetas, ademais de 14 debuxos e bosquexos, que amosan un percorrido antolóxico pola obra deste autor valenciano. Esta iniciativa forma parte do colectivo Tá en Artes

Puchades, escultor e docente afincado en Mondoñedo, estudou Belas Artes especializándose en escultura. Dende 1970 exerceu como catedrático de Debuxo de ensino medio no IES San Rosendo, ademais formou parte do Grupo Los Urogallos

Campos Conde inaugurou este martes a mostra “Modelando vidas”, “unha retrospectiva que culmina a obra deste artista nato, un home que soubo traballar como ninguén a madeira, o bronce, a pedra e o ferro, polo que recibiu numerosos premios”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este martes no Museo Provincial a exposición “Modelando vidas”, do escultor valenciano Juan Puchades, que estará aberta ata o día 27 de xaneiro. No acto estivo acompañado polo Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e do propio artista. Campos Conde remarcou que “esta nova retrospectiva culmina a obra deste artista nato, fillo Adoptivo de Mondoñedo, un home que soubo traballar como ninguén a madeira, o bronce, a pedra e o ferro, polo que recibiu numerosos premios”.

O Presidente avanzou que “esta colección está composta por 47 obras, 4 maquetas, ademais de 14 debuxos e bosquexos, que amosan un percorrido antolóxico pola obra deste singular autor valenciano. Esta iniciativa forma parte do colectivo Tá en Artes, que reivindicou ao longo deste ano con diversos actos, a figura deste mestre de artistas”.

Campos Conde sinalou que “a través desta exposición damos a coñecer a obra de Puchades, tras un ano intenso de celebracións, e podemos desfrutar da colección dun dos creadores vivos máis relevantes do panorama actual, dentro da nosa aposta por amosar a escultura que se realiza na nosa provincia”.

Modelando vidas
Esta colección que leva por titulo “Modelando vidas”, estará exposta ata o 27 de xaneiro no Museo Provincial, e esta composta por 47 obras, 4 maquetas, ademais de 14 debuxos e bosquexos, que amosan un percorrido antolóxico pola obra deste autor. Ademais, o Goberno da Deputación xa editou un catalogo coa obra de Puchades, e tamén realizará unha nova publicación coas pezas que poden contemplarse neste Museo Provincial.

PUCHADES


Juan Bautista Puchades Quilis, escultor e docente, naceu en Valencia o 16 de marzo de 1934. Estudou Belas Artes na Escola Superior de San Carlos da súa cidade natal -onde se especializou en escultura- e, dende 1970, é catedrático de Debuxo no ensino medio. En 1960, tras aprobar as oposicións, trasladouse a Mondoñedo para exercer como profesor no Instituto San Rosendo. Hai que sinalar, con respecto á súa actividade artística, que traballa a madeira, o bronce, a pedra e o ferro. Ademais, ten unha obra na exposición permanente do Museo Provincial de Lugo e en distintas coleccións públicas e privadas de España, Suíza, Portugal, Francia ou Arxentina.

Obtivo diferentes galardóns: primeiro premio Mestre Mateo (Santiago de Compostela,1971), primeiro premio Concurso-Exposición de Arte (Concello de Segorbe, Castellón, 1974), primeiro premio no Concurso-Exposición Bimilenario de Lugo (1976) e o primeiro premio na III Bienal de Escultura de Sarria (Lugo, 1977).

Pertenceu a distintos colectivos como Los Urogallos, Escultores Gallegos, grupo artístico e cultural O Feitizo, do que foi un dos seus fundadores, e ao grupo de Artistas Plásticos Lucenses. É autor, entre outras moitas obras, de Mariñeiros na brega (representación de dous mariñeiros tirando dun cabo que suxeita a proa dunha embarcación, obra feita en ferro en 1975, primeiro premio Concurso-Exposición Bimilenario de Lugo, doazón do Patronato ao Museo Provincial de Lugo), e de numerosa obra pública como  Monumento aos caídos  (Lugo, 1962), Homenaxe ás xentes do mar (Burela, 1984), Familia, Monumento á vida natural (Alfoz, 1992 e 1995), Antón Noriega Varela (Mondoñedo, 1969), Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1991), Chicho Balado (Monforte de Lemos, 1996), Antonio Gandoy Díaz, o cura da bicicleta, Puro Cora (Lugo, 2004 e 2008) e de Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, 1998).

Tá en Artes
Este colectivo agrupa a un grupo de profesionais que a través do seu proxecto queren potenciar e impulsar a arte na Mariña. Este ano dentro dos actos programados renden homenaxe ao artista Juan Puchades, dentro do slogan Arte-Educació, que leva como proposta a Escultura e o Patrimonio, e no que se traballou en tódolos centros escolares da Mariña, co fin de dar a coñecer a obra deste artista afincado en Mondoñedo.

 

Exposición Puchades
Exposición Puchades