O Goberno da Deputación promove os oficios tradicionais coa edición “A idade do Ferro”
Campos Conde remarcou que “dende o Executivo Provincial apostamos por impulsar as potencialidades e singularidades de cada Comarca luguesa, e o traballo dos ferreiros é, sen dúbida algunha unha das maiores singularidades que temos que pór en valor para que máis xente os descubra”
A obra recolle máis de 150 fotografías realizadas en 23 concellos de Lugo, en seis concellos de Asturias e un de León, todos fronteirizos coa Provincia, representando un espazo xeográfico marcado polo traballo metalúrxico
Este proxecto, de Jose M. Salgado, naceu como parte dunha homenaxe da Deputación aos ferreiros que aínda quedaban na provincia e que cristalizou na exposición “Mans de Ferro”, unha das máis visitadas na Capela de Santa María no ano 2014
O Presidente da Deputación, Darío Campos e a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentaron este mércores no CENTRAD o libro “A idade do Ferro”, xunto ao seu autor José M.Sagado. Trátase dun foto-ensaio que reflexa a realidade dos ferreiros de Lugo e da fronteira asturiana. Esta edición, coa que colabora o Goberno da Deputación, conta con retratos dos artesáns e as súas familias, tamén están representados o seu entorno, o seu estilo de vida, así como as ruínas das grandes metalúrxicas abandonadas no s. XIX. Ao acto tamén asistiron a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polin e o editor, Pablo Quintana.
Campos Conde avanzou que “o libro conta cun gran valor etnográfico e xornalístico, xa que as fotografías lembran a memoria deste oficio con tanta raizame na nosa provincia. Recolle máis de 150 fotografías realizadas en 23 concellos de Lugo, en seis concellos de Asturias e un de León, todos fronteirizos coa provincia, representando un espazo xeográfico marcado polo traballo metalúrxico”.
O Presidente lembrou os compromisos do Goberno da Deputación na promoción e recuperación do oficio dos ferreiros na provincia. “Este mesmo ano asinamos un convenio de colaboración coa Asociación de Ferreiros de Riotorto para a promoción do traballo destes profesionais, ademais da colaboración que mantemos coa súa feira anual, co fin de que sexa unha oportunidade de promoción económica, e ao mesmo tempo contribúa a por en valor a nosa historia e as nosas tradicións”, sinalou.
Campos Conde dixo que “dende o Executivo Provincial apostamos por impulsar as potencialidades e singularidades de cada Comarca luguesa, e o traballo dos ferreiros é, sen dúbida algunha unha das maiores singularidades que temos que pór en valor para que máis xente os descubra. E hoxe, a través da edición deste libro, é unha boa mostra do noso compromiso con esta profesión que narra a historia viva deste territorio e desta Comarca”, remarcou.
Un proxecto que nace no 2014
O proxecto parte dun encargo da Deputación no 2014, a través da exposición “Mans de Ferro”, coa que se rendeu homenaxe aos ferreiros da provincia. O autor Salgado continua coa iniciativa, e no 2017 xunto co Museo do Pobo Galego organiza outra exposición, na que aporta máis fotografías que agora se recollen nesta publicación, que segue a ser unha investigación aberta. Hai que destacar que o libro reúne tamén as fotos dos derradeiros carboeiros en Galicia, que non recollía a exposición do 2014.
Máis de 150 fotografías en 30 concellos galegos e asturianos
José Salgado, xornalista e fotógrafo, naceu na Coruña en 1968 e realiza traballos de difusión cultural, comisariado de exposicións e creación de contidos multimedia. O libro ven prologado por Juaco López Álvarez Director do Muséu del Pueblu d’Asturies, o etnógrafo, historiador e Membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, Clodio González Pérez; e o xornalista Luís Álvarez Celeiro. A obra recolle máis de 150 fotografías realizadas en 23 concellos de Lugo, en seis concellos de Asturias e un de León, todos fronteirizos coa Provincia, representando un espazo xeográfico marcado polo traballo metalúrxico.
Outros traballos de recuperación: Zoqueiros e Galocheiros
O Goberno da Deputación continua co seu traballo de recuperación de oficios tradicionais na provincia. Hai que lembrar que a Capela de Santa María acolleu durante estes días a mostra “Cos pés na terra: Zoqueiros e Galocheiros da Provincia”, coordinada tamén por Jose Salgado, e que nos vindeiros dia poderá verse na Feira de Antigüidades da Pontenova. Esta colección reúne pezas e ferramentas de 24 concellos deste oficio, retratos de antigos zoqueiros e un audiovisual que mostra o proceso de realización das zocas por parte dun mestre artesán.