Cultura
Deputación de Lugo

A Deputación promove a igualdade coa exposición Somos Mulleres Diversas

exposicións
Inauguración da exposición 'Somos Mulleres Diversas'
A exposición está composta por 15 retratos de mulleres e nenas con diversidade funcional pertencentes a AUXILIA e a ASPACE Lugo. Poderase visitar dende este luns día tres ata o xoves 20 na Ferretería de Lugo

López Izquierdo defendeu “no Goberno da Deputación tratamos o xénero e a diversidade funcional como temas transversais para acadar a plena integración das mulleres con diversidade funcional”

A Deputada de  Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, xunto á Concelleira de Benestar de Lugo, Ana Abelleira, participou este luns na inauguración da Exposición Somos Mulleres Diversas no espazo La Ferretería de Lugo. Trátase dunha exposición fotográfica organizada pola Asociación Auxilia. Poderase visitar ata o día 20 de luns a venres de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00., Os sábados de 11:00 a 14:00. O sábado 15 organizarase unha sesión vermú de clausura, con música e petiscos.

López Izquierdo destacou que “as mulleres con discapacidade teñen o dobre de trabas, sendo un dos colectivos máis invisibilizados e con máis dificultades a hora de acceder a educación, a saúde ou ao mercado laboral. No Goberno da Deputación somos conscientes deste feito e por iso, nas nosas políticas, tratamos o xénero e a diversidade funcional como liñas transversais para acadar a plena integración de todas as mulleres. E hoxe, día internacional das persoas con discapacidade, temos que apoiar a quen traballa para acadar este obxectivo. Nós no que levamos de mandato, levamos reforzado a actividade dunhas 70 asociacións da provincia, ás que destinamos máis de 2 millóns de euros”

Esta exposición conta con 15 fotografías, “trátanse de retratos naturalistas, onde estas mulleres son absolutas protagonistas, centra nelas a nosa mirada para que sexamos conscientes de que a igualdade é un traballo de todos nós” afirmou a Deputada.

Durante a inauguración tivo lugar un coloquio co nome de “Perspectiva De Xénero Na Diversidade Funcional”  conducido por Fernanda Arrojo, Vogal de Muller e Igualdade de Auxilia Lugo; e por Paula Fraga, licenciada en Dereito e autora do blog de teoría feminista: perspectivafeminista.com. Neste de encontro visibilizouse a necesidade dunha óptica de xénero tamén dentro da atención á discapacidade.