Cultura
Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle a obra de Virginia Rota, gañadora da VI edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
O Pazo de San Marcos acolle a obra de Virginia Rota, gañadora da VI edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
A Deputada de Cultura presentou O mundo ao principio. “Infans”, unha colección de 56 imaxes con 16 retratos feitos pola fotógrafa, e 40 feitas polos nenos que formaron parte do proxecto

García Porto destacou “a fotografía contemporánea achégase a temáticas actuais de forma crítica e axúdanos a ter unha visión do mundo alén da propia, neste caso a visión dos nenos”

A mostra poderase visitar, de forma gratuíta, na Sala de exposicións do Pazo de San Marcos ata o 8 de xaneiro no seguinte horario: de luns a venres de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30. Sábados de 10.30a 14.00 e de 16.30 a 20.00 h. Domingos e festivos de 11.00 a 14.00h

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, xunto con outras autoridades, participou, este venres, na inauguración da exposición de Virginia Rota, gañadora da VI edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. O título do proxecto gañador desta edición é O mundo ao principio. “Infans”, e estará exposto ata 8 de xaneiro. A mostra poderase visitar, de forma gratuíta, na Sala de exposicións do Pazo de San Marcos no seguinte horario: de luns a venres de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30. Sábados de 10.30a 14.00 e de 16.30 a 20.00 h. Domingos e festivos de 11.00 a 14.00h.

A Deputada avanzou que “a través deste proxecto o Goberno da Deputación amosa a visión da fotografía actual, contribuíndo a fomentar novos proxectos e traballos relacionados coas artes visuais do panorama actual, como nesta ocasión a innovadora obra premiada de Virginia Rota ”.

García Porto sinalou que “a fotografía contemporánea achégase a temáticas actuais de forma crítica e axúdanos a ter unha visión do mundo alén da propia, por iso esta mostra é tan interesante, pois achéganos a visión dos nenos a súa forma de entender o mundo”.

O proxecto


Esta colección consta dunha colección de 56 fotografías, das cales, 16 son retratos feitos pola artista, e outras 40 son tomas feitas polos propios retratados aos que se lles deu unha cámara dun só uso con carrete en branco e negro e a encomenda de retratar o que eles considerasen “beleza e importante”. Un proxecto a longo prazo no que a autora traballou máis de tres anos. Nestas fotografías é perfectamente evidente o propósito, tanto de Virginia, atopando a inocencia perdida nos seus retratos, como dos nenos, que se enfrontaron ao encargo con verdadeira intención fotográfica.
Posteriormente á clausura da exposición no Pazo de San Marcos, esta mostra comezará un itinerario polas salas de Afundación da Obra Social de Abanca, que a levarán as cidades galegas, así como a diferentes municipios do resto de España e Portugal.

Virginia Rota


Virginia Rota naceu en Málaga no 1989, onde estuda a Licenciatura de Psicoloxía. Mentres cursa o seu último ano de carreira comeza a facer fotografía e a mostrar o seu
traballo en exposicións colectivas; finaliza os seus estudos e mudase a Madrid con 23
anos onde reside actualmente. Alí estuda un Máster en cine experimental e documental e comeza a traballar na súa serie de retratos chamados Saudade; que xa foron expostos en Málaga e Logroño, outorgándolle o Primeiro Premio MálagaCrea, Premio Contemporarte, selección In- cubarte 2015 e GuatePhoto 2015. O seu traballo nace da necesidade de expresarse e achegarse ao que non coñece.

Inauguración


Ao acto de inauguración desta exposición, na Sala de San Marcos, participaron tamén a artista premiada Virginia Rota; a Concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre Vázquez; a Xefa Territorial de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, Mª José Gómez Rodríguez; o Curador da Exposición, Vítor Nieves, e o Director do Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez.

Xurado


Nesta edición participaron no xurado  tres profesionais do mundo da fotografía: Anxela Caramés,curadora independente e investigadora en arte e feminismos; Carmen Dalmau, directora da Galería Cero, Profesora en EFTI e curadora independente, e Isabel Lázaro, fundadora de Art Deal Project e directora do Art Photo Barcelona; ademais de representantes das institucións colaboradoras: Encarna Lago, pola Deputación de Lugo e Armando García Ferreiro pola Xunta de Galicia; ademais de membros da organización: Vítor Nieves, coordinador do Premio e Xosé Lois Vázquez, pola Asociación Outono Fotográfico.