Cultura
Deputación de Lugo

A colaboración da Deputación converteu á Fundación Uxío Novoneyra na entidade que máis proxectos europeos desenvolve en Galicia

Fundación Uxío Novoneyra
proxectos europeos
A colaboración da Deputación converteu á Fundación Uxío Novoneyra na entidade que máis proxectos europeos desenvolve en Galicia
Así o informou García Porto nun encontro con Novo Rey, no que explicaron que grazas á colaboración da Deputación se desenvolveron ducias de proxectos nos que participaron de xeito gratuíto, máis de 1.500 persoas

García Porto destacou “dende a Deputación colaboramos coa Fundación para dinamizan a vida cultural na provincia, desenvolvendo pioneiros proxectos co que poñer en valor o patrimonio literario, patrimonial e cultural da que dispomos”

En 2019, Fundación e Deputación desenvolverán outros 2 proxectos europeos: O ERASMUS+ KA2, un programa de capacitación de mozos rurais para a formación como guías turísticos e o Le Flocon Build para a rehabilitación do patrimonio rural coa técnica da pedra seca

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, informou este mércores que a colaboración da Deputación fixo que a Fundación Uxío Novoneyra se convertese na entidade cultural que máis proxectos europeos desenvolve en Galicia. Fíxoo nun encontro co Xerente da Fundación, Uxío Novo Rey, no que deron conta das actividades que dita asociación desenvolveu durante este ano, financiadas con 20.000 euros da Deputación, e nas que participaron de xeito gratuíto unhas 1.500 persoas.

García Porto explicou que “grazas a esta colaboración da Deputación, a Fundación puido desenvolver durante o 2018 ducias de actividades de carácter cultural coas que dinamizar a nosa provincia. De feito,  puidéronse levar a cabo obras de mantemento e mellora na casa-museo do poeta, ademais de poñer en marcha proxectos de innovación cultural como o Creative Europe SILO (Operacións Literarias Socialmente Inclusivas), que conta con financiación europea, un programa que durará tres anos e levará a literatura a pequenos núcleos rurais da provincia, e outros colectivos vulnerables”

Ademais, tamén se celebrou o IV Festival dos Eidos, en Folgoso do Courel “unha iniciativa de ocio pero tamén formativa, que dinamiza a vida cultural da Comarca, cunha filosofía moi concreta sobre ensino permanente a través da literatura. Trátase dunha liña de traballo compartida con outros proxectos por toda Europa, a través da rede LITFEST, que nos sitúa na vangarda social e da creatividade no continente, como demostra a nominación para os Premios de Festivais Ibéricos na categoría de Festival non Musical” destacou.


Novo Rey, que agradeceu a constante colaboración do Goberno da Deputación coa fundación, puxo como exemplo o “éxito do Festival dos Eidos”, no que participaron ao redor dun milleiro de persoas. Ademais, a importancia e calidade deste evento a nivel cultural, atraeu a máis dun cento de profesionais que se achegaron a desfrutar desta iniciativa de promoción literaria.    

Outras iniciativas


No marco das colaboracións entre a Fundación Uxío Novoneyra e a Deputación, realizáronse outras actividades. Entre elas, destacan o curso de edición de novas tendencias literarias que se celebrou entre abril e maio de 2018 no Obradoiro do Libro do CENTRAD, e que contou con escritores e editores galegos, co que os 20 participantes recibiron formación técnica e realizaron unha antoloxía de nova poesía luguesa, así como unha mostra expositiva da evolución dos soportes-libro.

Tamén se realizaron traballos para o desenvolvemento do Arquivo Novoneyra, para adaptalo ao programa PARES do Ministerio de Cultura, sendo o único arquivo galego, e o único dun escritor que conseguen; a Colección Valumbo publicou o premiado audio-libro UXÍA-O de Uxía Senlle, que acadou os Premios Galegos da Música a mellor Interpretación, Disco e Canción; así como Mellor Disco Español en outro Idioma, dos Premios da Musica Independente.

Programas para 2019


En 2019, a Fundación Uxío Novoneyra, en colaboración coa Deputación, desenvolverá outros 2 proxectos europeos: O ERASMUS+ KA2, un programa de capacitación de mozos rurais para a súa formación como guías turísticos do Patrimonio Inmaterial da súa comunidade en países europeos, en Vietnam e no Brasil; e o Le Flocon Build que se presentará en maio e que formará para a rehabilitación do patrimonio rural coa técnica da Pedra seca, recentemente declarada Patrimonio Inmaterial da Humanidade. No ámbito da literatura, continuaranse os traballos de tradución ao francés do ensaio Os Soños Teimosos de Novoneyra e que xa se presentou na súa edición inglesa no festival Winter Warmer de Cork.