Deputación de Lugo
Turismo

Vidal Baamonde recalca o labor da Tradescola na difusión da música tradicional, nun concerto didáctico en Guitiriz

Tradescola
Guitiriz
Vidal Baamonde recalca o labor da Tradescola na difusión da música tradicional, nun concerto didáctico en Guitiriz
O Deputado de Turismo e a Alcaldesa participaron este luns xunto con medio cento de escolares, no concerto didáctico que ofreceron no CEIP Lagostelle de Guitiriz os mestres da Escola de Música Tradicional Tradescola, coa que colabora o Executivo

Vidal Baamonde subliñou que “dende o Goberno apoiamos o maior número posible de actividades e programacións culturais, pois consideramos fundamental que a nosa identidade e tradición chegue a toda a cidadanía, dende os nenos ata os maiores”

O obxectivo desta actividade é que os máis pequenos coñezan e se vaian familiarizando cos instrumentos musicais galegos

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, participaron este luns, xunto con medio cento de escolares, no concerto didáctico que ofreceron no CEIP Lagostelle de Guitiriz os mestres da Escola de Música Tradicional Tradescola, xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, e coa que colabora a Deputación mediante un convenio anual de 70.000 euros.

Vidal Baamonde puxo en valor a importancia deste proxecto educativo, que “a través de recitais coma este, leva aos máis cativos un repertorio de música tradicional, cos sons dos instrumentos galegos, como son a zanfona, a gaita, o acordeón, ou as pandeiretas”.

O Deputado pola Comarca da Terra Chá subliñou que “dende o Goberno Provincial apoiamos o maior número posible de actividades e programacións culturais, pois consideramos fundamental que a nosa identidade e tradición chegue a toda a cidadanía, dende os nenos ata os maiores. O obxectivo deste evento é que os máis pequenos coñezan e se vaian familiarizando cos instrumentos musicais galegos”.

“Nesta liña de fomento cultural inclúese a colaboración coa Tradescola, unha colaboración que comezou dende a súa mesma creación no ano 2008 permitindo que varios centos de persoas coñezan e aprendan a nosa música tradicional dunha forma completamente lúdica”, destacou.

O proxecto educativo
Tradescola naceu no ano 2008 como un proxecto educativo creado pola Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos, co apoio da Deputación, que este 2018 achegou un total de 70.000 euros, para a realización de clases, actividades, obradoiros, audicións e concertos durante todo o ano.

O obxectivo desta iniciativa é impartir clases de instrumentos tradicionais, ademais de linguaxe musical, etnografía e investigación, así como obradoiros e concertos didácticos por toda a provincia. O obxectivo é ofrecer unha formación integral para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música tradicional permitindo ao alumnado ter unha formación integral na música e no baile tradicional.