Deputación e Lugo Patrimonio renovan a súa colaboración para promover o recoñecemento do patrimonio da provincia
García Porto subliñou que “todo esforzo é pouco para difundir a idea publicamente de que o noso patrimonio histórico é un legado insubstituíble. É un tesouro que debemos defender, preservar e conservar, para entregalo ás xeracións futuras”
Froito da colaboración que o Goberno da Deputación mantén coa Asociación Lugo Patrimonio, o Pazo de San Marcos acolleu, entre outras, unha Xornada de información e debate sobre a conservación e destino do Cuartel de San Fernando
A asociación realiza actos por toda a provincia en colaboración, sempre, coas entidades locais, de tipo cultural, de defensa do patrimonio ou calquera outro, que estean interesadas na difusión e conservación do patrimonio
O Goberno da Deputación renovou a súa colaboración coa Asociación Cultural Lugo Patrimonio, para a promoción e difusión do patrimonio lucense. Fíxoo cunha achega de 5.000 euros, a través do convenio asinado entre o organismo provincial e a asociación, cos que se cobren os custes de conferencias, debates e viaxes para por en valor a riqueza tanto material como inmaterial dentro do territorio da provincia.
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, subliñou que “todo esforzo é pouco para difundir a idea publicamente de que o noso patrimonio histórico é un legado insubstituíble. É un tesouro que debemos defender, preservar e conservar, para entregalo ás xeracións futuras. Debemos fortalecer e comunicar cultura e identidade. Non falamos só de bens materiais, senón de todo aquilo que supón esa parte intanxible, esa esencia da nosa cultura, o que somos, a partir do que fomos”.
Ademais do seu carácter reivindicativo, Lugopatrimonio ten como finalidade a búsqueda de solucións e proxectos que axuden a resolver o esquezo e deterioro do patrimonio. A asociación realiza actos por toda a provincia en colaboración, sempre, coas entidades locais, de tipo cultural, de defensa do patrimonio ou calquera outro, que estean interesadas na difusión e conservación do patrimonio.
Xornada informativa sobre o Cuartel de San Fernando
Froito da colaboración que o Goberno da Deputación mantén coa Asociación Lugopatrimonio, o Pazo de San Marcos acolleu, entre outras, unha Xornada de información e debate sobre a conservación e destino do Cuartel de San Fernando.
Cómpre subliñar que o Goberno da Deputación levou unha moción ao Pleno Provincial para esixir á Xunta de Galicia que inicie os trámites para converter o Cuartel de San Fernando no Museo Arqueolóxico Galaico-Romano. Este proxecto, iniciado no 2008, atópase parado pois o Goberno Galego non asumiu os compromisos adquiridos para devolver o uso público desta infraestrutura.