Cultura
Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación promove a publicación das actas do 4º Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba

Vilalba
Arqueoloxía
Colaboración co Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba
O Executivo Provincial colabora coa Asociación Cultural Amigos do Museo de Vilalba para a difusión do patrimonio arqueolóxico da zona a través das actas da convención

García Porto subliñou que “esta publicación, non soamente suporá dar a coñecer o resultado de novidosas investigacións, senón que tamén, incrementará a visibilidade dos estudos da nosa provincia noutros centros de investigación”

As actas, unha vez editadas, incluiranse dentro da serie editorial periódica do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, denominada Férvedes, revista de investigación

O Goberno da Deputación promove a publicación das actas do 4º Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba. Faino colaborando coa Asociación Cultural Amigos do Museo de Vilalba. O obxectivo é difundir o patrimonio cultural, en xeral, e arqueolóxico, en particular, así como de contribuír ao coidado dos restos arqueolóxicos e no coñecemento das súas orixes e das manifestacións do seu pasado.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, subliñou que “a publicación destas actas é de interese público e social. Apostamos por contribuír ao coñecemento histórico, entendido como parte dos alicerces da nosa cohesión social e dun incremento do saber cidadán”.

García Porto destacou a importancia de fomentar “o interese xeral na investigación científica e no intercambio de coñecementos entre investigadores. Esta publicación, non soamente suporá dar a coñecer o resultado de novidosas investigacións, senón que tamén, incrementará a visibilidade dos estudos da nosa provincia noutros centros de investigación”.

As actas, unha vez editadas, incluiranse dentro da serie editorial periódica do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, denominada Férvedes, revista de investigación. A inclusión nesta serie responde a criterios de calidade científica e de difusión. Así, a repercusión da publicación dos artigos nela incluída ponderaranse favorablemente, segundo os criterios da Axencia Nacional de Evaluación da Calidade e Acreditación (ANECA), que avalía o Sistema Universitario Español, e os índices de calidade esixidos pola European Higher Education Area.

Colaboración co Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba