Preto de 114.000 persoas visitaron a Rede Museística da Deputación no 2018, un 3% máis que o ano anterior
García Porto destacou que “dende o Goberno da Deputación realizamos actividades, visitas ou exposicións co obxectivo de promover o noso patrimonio material e inmaterial ao tempo que fomentamos o turismo cultural na provincia”
En total, ofrecéronse 20 exposicións que recolleron obras de pintores como Murillo, Zuloaga, Sorolla, Ribeira ou Rosales, na exposición da Colección Gil Varela, ou a mostra, De Picasso a Annish Kapur, que achegou obras de Picasso, Andy Warhol, ou Dalí
A Rede Museística da Deputación de Lugo rexistrou un aumento do 3% no número de visitas con respecto ao 2017 o que supón un crecemento de máis de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. Os meses de xullo e agosto foron os que acadaron un maior número de visitantes.
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, subliñou que “dende o Goberno da Deputación realizamos actividades, visitas ou exposicións co obxectivo de promover o noso patrimonio material e inmaterial ao tempo que fomentamos o turismo cultural na provincia. Cómpre destacar que os meses nos que se rexistraron un maior incremento de visitantes con respecto ao 2017 foron maio cun aumento do 14% e novembro cun 12% máis nos catro museos que conforman a Rede Museística”.
Xullo e agosto os meses con máis visitas
Os meses do ano onde se rexistraron un maior número de visitas nos catro museos da Rede durante o 2018 foron xullo con 12.922 visitantes e agosto con 17.901en total. Con respecto ao ano anterior o Museo San Paio de Narla aumentou nun 51% o número de visitas e o Pazo de Tor nun 194% ambos os dous no mes de xuño. No caso do Museo Provincial do Mar foron os meses de febreiro e novembro onde se incrementaron os visitantes nun 17% e o Museo Provincial de Lugo conseguiu no mes de maio un 14% máis de visitas con respecto ao ano anterior.
Programación cultural durante o ano
A Rede Museística oferta un completo programa de actividades nas diferentes salas expositivas do organismo provincial ao longo de todo o ano. Esta programación recolle obras de gravado, pintura, escultura, así como mostras de traballos colectivos, cun marcado carácter social como a mostra Fotografía a cegas, exposta no Refectorio do Museo Provincial.
No 2018 ofrecéronse 20 exposicións que recolleron obras de pintores como Murillo, Zuloaga, Sorolla, Ribeira ou Rosales, na exposición da Colección Gil Varela, ou a mostra pedagóxica De Picasso a Annish Kapur, que realizou achegas de artistas internacionais como Picasso, Andy Warhol, Dalí, Tapies ou Saura, ambas as dúas expostas no Museo Provincial.