Máis de 6.000 persoas visitaron as exposicións organizadas pola Deputación na Capela de Santa María no 2018
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, subliñou “o compromiso do Goberno da Deputación coa promoción e difusión artesanía na provincia, que tivo un grande impacto no transcorrer da historia”
O volume de visitas incrementouse no segundo trimestre do ano, con 2.900 persoas, coincidindo coa mostra Traxandaina. O traxe aldeán de garda nas terras de Lugo
6.117 persoas visitaron a Capela de Santa María para ver as 6 exposicións que estiveron abertas ao público durante o 2018. Segundo os datos do Centro de Artesanía e Deseño, o volume de visitas incrementouse no segundo trimestre do ano, con 2.900 persoas, coincidindo coa mostra Traxandaina. O traxe aldeán de garda nas terras de Lugo.
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, subliñou “o compromiso do Goberno da Deputación coa promoción e difusión da artesanía na provincia, que tivo un grande impacto no transcorrer da historia, e que teñen un valor patrimonial, cultural e artístico incalculable. Por iso é necesario dar a coñecer o noso patrimonio e promover accións que difundan a nosa historia”.
Ademais das mostras programadas, a Capela de Santa María acolleu tamén 5 concertos, dentro da programación anual do MusicAD. Esta iniciativa do Executivo provincial ten como obxectivo achegar unha alternativa musical de calidade con raíz no ámbito tradicional, para difundir e potenciar o traballo de artistas galegos.
Exposicións 2018
Ao longo do ano 2018 a Capela de Santa María acolleu un total de 6 exposicións. Trátase das mostras Olería tradicional. Sons do barro; Centenario Aviación Española; Frauen-Peter Schneider-Musicad; Traxandaina. O traxe aldeán de garda nas terras de Lugo; Hai Mulleres, de Otero Regal; Cos pés na terra.
- Olería tradicional. Sons do barro: mostra de instrumentos de olería, cunha importante presenza de pezas galegas. Expuxéronse instrumentos sonoros de arxila, de distinta morfoloxía e procedencia que ofreceron ao espectador a oportunidade de descubrir como o ser humano veu empregando os sons ao longo da historia.
- Centenario ‘Aviación Española’: Mostra fotográfica do armamento e equipamento aéreo co que conta o exército español. Mediante esta exposición fíxose unha achega á sociedade para que coñecesen de preto o labor que as forzas armadas prestan profesionalmente para o confort e benestar da sociedade española.
- Traxandaina. O traxe aldeán de garda nas terras de Lugo: Esta mostra consistiu nunha compilación dos resultados obtidos logo de moitos anos de investigación e estudo sobre traxes de finais do século XIX e principios do XX, con tecidos feitos na casa en teares de baixo lizo, cando aínda abondaban o liño e a lá e tamén se atopaban panos, veludos, agremáns feitos á man e sobre todo picote, candil ou burel, que percorreron un longo camiño ata poderen ser rescatadas e exhibidas.
- Hai Mulleres, de Otero Regal: a mostra fusionou as disciplinas da poesía, a plástica e a escultura. Foi un traballo colectivo de poetas e xornalistas tanto casteláns como galegos, aos que o autor pediu un relato relacionado co nome dunha muller, e en cada un destes textos, o artista achegou unha obra, ben fora un cadro ou unha escultura.
- Cos pés na terra: esta exposición recolleu o traballo de 24 zoqueiros e galocheiros dos Concellos de Alfoz, a Fonsagrada, A Pastoriza, Cervantes, Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz, Navia de Suarna, O Valadouro e Vilalba na que se fixo unha revisión do traballo destes artesáns coa presentación de pezas que contaban con medio século de antigüidade.
-Os concertos do MusicAD 2018; reuniu a máis de 1.000 persoas durante os 5 concertos que o Goberno da Deputación ofreceu no mes de marzo, para presenciar as actuación s de Xabier Díaz e As Adufeiras, Carmen Penín & Herdeiras, Tango en Xaneiro, Os d´abaixo e a representación irlandesa de Triad, con Dónal Lunny. Os muros da Capela de Santa María acolleron ademais a mostra fotográfica de Peter Schneider, titulada Frauen.