Ana de Miguel criticou “a mercantilización do corpo da muller” no faladoiro feminista da Deputación e o Concello
No relatorio, a filósofa Ana de Miguel criticou o neoliberalismo sexual, que se agocha baixo o mito da libre elección, “para converter a vida das mulleres nunha mercancía”
López Izquierdo subliñou que “esta iniciativa, de conexión do feminismo coa cidadanía, propón alternativas para situacións derivadas da estrutura social patriarcal”
Os relatorios tratan de achegar ferramentas e recursos para fortalecer o empoderamento feminino e favorecer o coñecemento en cuestións de igualdade
O Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere acolleu este venres o faladoiro de Ana de Miguel, Mercantilización dos corpos e a vida das mulleres, que organizan Deputación e Concello, da man do Foro Feminista Maruja Mallo. Alí, a relatora destacou a necesidade de debater sobre a definición patriarcal de muller: corpo de libre acceso para o pracer sexual e a reprodución, que continúa a perpetuarse na ideoloxía patriarcal actual baixo a idea do consentimento. De Miguel criticou o neoliberalismo sexual, que se agocha baixo o mito da libre elección, “para converter a vida das mulleres nunha mercancía”. No acto participou a Deputada de Benestar Social e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, quen destacou a importancia de informar á cidadanía sobre o feminismo como movemento social.
López Izquierdo subliñou que “esta iniciativa, de conexión do feminismo coa cidadanía, trata de propoñer alternativas para situacións derivadas da estrutura social patriarcal, erradicar os prexuízos que engaiolan ás mulleres, empoderalas e achegar o feminismo á sociedade como ferramenta de loita contra as violencias machistas. Deste xeito, búscase aportar ferramentas e recursos para fortalecer o empoderamento feminino, favorecer o coñecemento e a situación actual en cuestións de igualdade, identificar as causas do estado actual e definir solucións, entre outros aspectos”.
Este relatorio está enmarcado dentro dos Faladoiros Feministas, coa intención de crear espazos de estudo e reflexión sobre o rol das mulleres na sociedade actual. Durante a súa intervención, de Miguel reclamou un debate sobre o asasinato de mulleres “só por seren mulleres”, para facer visibles as relacións asimétricas de poder entre homes e mulleres.
Relatorios
O resto da programación dos Faladoiros Feministas que organizan Deputación e Concello contará cos seguintes relatorios:
- O 8 de febreiro, o terceiro dos relatorios, O papel da cultura na (des)igualdade e estará impartido por Laura Freixas.
- O 15 de marzo, achegarase ao Vello Cárcere María Xosé Agra co seu relatorio Son as mulleres vulnerabeis: pensando a xustiza e a igualdade.
- O 26 de abril, Marisa Soleto falará sobre A vida laboral das mulleres.
- O 24 de maio, cerrará a programación Mercedes Expósito, co seu relatorio A fábrica social da feminidade.
A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo, 137 prazas.