Cultura
Deputación de Lugo

A Deputación colabora co Oso de Salcedo e co Entroido Ribeirao, dous dos eventos máis tradicionais da provincia

Oso de Salcedo
Entroido Ribeirao
A Deputación colabora co Oso de Salcedo e co Entroido Ribeirao, dous dos eventos máis tradicionais da provincia
Campos Conde presentou xunto a representantes destes dous entroidos lucenses a programación de actividades de dous dos eventos máis senlleiros da provincia de Lugo

O Presidente destacou que “o Executivo Provincial colabora coa celebración destas dúas citas tendo en conta a singularidade destes entroidos e as súas oportunidades económicas, pois promoven a cultura lucense e impulsan o turismo en toda a provincia”

O Entroido Ribeirao terá lugar o 17 e 24 de febreiro, e o 3 e 5 de marzo, na parroquia chantadina de Santiago de Arriba; o Oso de Salcedo sairá, como é habitual, o 4 de Marzo, tras os cantos dos Cegos e acompañado polos seus criados

Os entroidos son algunhas das festas que este ano centran a campaña ‘Lugo Cambia’, que se presentou oficialmente en FITUR: ‘Lugo: Moito que celebrar...” para promover Lugo a través das súas festas

O Presidente da Deputación, Darío Campos, presentou este martes, na praza de San Marcos de Lugo, os Entroidos máis singulares da provincia cos que colabora o Goberno da Deputación e que serven para dinamizar económica e culturalmente a provincia.  Fíxoo acompañado dos membros da Asociación Amigos do Entroido Ribeirao de Chantada, Juan Carlos González Pérez e Iván González Rey; así como da Asociación Veciñal de Salcedo, Javier Quiroga Castro; ambas as dúas agrupacións que se encargan da organización destes eventos.  

Campos Conde subliñou que “son entroidos con antigüidade e que teñen unha raíz popular que descansa na xente, nos veciños. Son ademais estes os encargados de darlle continuidade no tempo a este tipo de celebracións que son parte fundamental da cultura que temos como provincia. É por iso polo que este ano quixemos centrar a campaña do Lugo Cambia nas festas e celebracións, porque en Lugo hai moito por celebrar”.  

Campos Conde destacou que o Executivo Provincial colabora coa celebración destas dúas citas tendo en conta as peculiaridades destes entroidos e as súas oportunidades económicas, pois promoven a cultura lucense e impulsan o turismo en toda a provincia, xa que son centos de persoas as que se achegan a desfrutar destes dous eventos. Son ademais unha boa oportunidade para dar a coñecer e preservar a cultura popular da man dos veciños.

Entroido Ribeirao de Chantada


O Executivo converte á Deputación na principal colaboradora cos veciños de Chantada. Faino con 3.000 euros, que contribúen á organización e celebración desta cita os días 17 e 24 de febreiro, e o 3 e 5 de marzo, na parroquia de Santiago de Arriba, no municipio chantadino. Os integrantes da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao recuperaron esta tradición no ano 2.000, organizando e conservado dende entón esta festa, sendo a única de carácter ancestral da provincia de Lugo.

Durante o Entroido Ribeirao, que comezará o 17 de febreiro co Domingo Lambedoiro, os famosos volantes que representan aos antigos feudais son os encargados, todos os días, de pasar polas hortas dos veciños de Santiago de Arriba, como unha chamada ao bo tempo, xa que se pensa que protexen as colleitas do ano por onde eles pasen. Estes personaxes portan na cabeza puchos con cintas de cores, así como un cinto na cadeira con 25 campás. Todo isto escoltados polos maragatos que van ataviados con peles de animais como coellos e zorros, e que son os gardas e protectores dos volantes. Na festa tamén participan os mecos, cunhas máscaras elaboradas con papeis de xornais e vestidos con camisas e pantalóns de cor vermella e amarela, que escenifican e representan teatralmente “oficios”, problemas e temas de actualidade polas rúas da parroquia chantadesa, co seu particular punto de vista satírico.  Este festexo pechará  o Martes de Entroido -5 de marzo- co tradicional “choro do pucho” e unha merenda con castañas, torriscos e chourizos.

Oso de Salcedo en Pobra do Brollón


É un dos Entroidos máis singulares e con máis tradición da provincia de Lugo. O Luns de Entroido, 4 de Marzo, tras os cantos dos Cegos, o personaxe do Oso de Salcedo, vestido con peles e cuberto cunha máscara sairá polas rúas desta parroquia do Concello da Pobra do Brollón, perseguindo aos visitantes e tinguíndoos de cinza, barro e carbón.
Esta figura ancestral vai acompañado de entre 12 ou 14 criados que lle axudan nas súas tarefas, percorrendo todos os recunchos da localidade.

Esta festa atrae a máis de 3.000 persoas á Salcedo e representa unha das celebracións máis importantes da Ribeira Sacra. É unha cita tradicional que simboliza a fecundidade das mulleres e a chegada da primavera.

As festas son o eixe central da nova campaña ‘Lugo Cambia'


Os entroidos son algunhas das festas que este ano centran a nova campaña de promoción turística da provincia ‘Lugo Cambia’. En xaneiro presentouse oficialmente en FITUR, o novo vídeo oficial desta campaña ‘Lugo: Moito que celebrar...” para promover que máis visitantes se acheguen a coñecer a provincia de Lugo, dun xeito diferente, visitando e vivindo as súas festas.

 

A Deputación colabora co Oso de Salcedo e co Entroido Ribeirao, dous dos eventos máis tradicionais da provincia