O Goberno da Deputación reivindica o poder e a presenza das Mulleres na Arte
Esta proposta forma parte do proxecto EU... TI... ELAS... NOSOUTRAS, NOSOUTRXS EN REDE, a programación cultural coa que o Executivo Provincial impulsa traballos das artistas dentro da aposta pola museoloxía social e de xéneros.
Toda a Rede Museistica da Deputación acollerá pezas e obras das artistas seleccionadas, nun diálogo reivindicativo e natural coas obras dos propios museos, que permanecerán en exposición ata finais de ano
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou este xoves no Museo Provincial o proxecto Mulleres Mirando Mulleres (MMM), unha nova proposta incluída dentro da programación de Xénero que ten preparada a Rede Museística da Deputación ao longo do ano. “Este proxecto forma parte de EU... TI... ELAS... NOSOUTRAS, NOSOUTRXS EN REDE, a programación cultural coa que o Executivo Provincial impulsa traballos das artistas dentro da aposta pola museoloxía social e de xéneros”, avanzou a Deputada.
García Porto remarcou que “esta nova iniciativa é un proxecto de arte e xénero que pretende reivindicar o valor da muller na arte, como xestora, como artista, como teórica. A muller como motor integrado e fundamental nas dinámicas artísticas actuais. Un traballo no que participan destacadas figuras do panorama artístico nacional, agrupando a artistas, xestoras culturais, historiadoras, teóricas, museólogas, directoras de feiras de arte contemporánea, comisarias e críticas artísticas, directoras de galerías, xornalistas, comunicadoras e blogueiras. Sumando 334 participantes, sen contar a todas as implicadas nos 26 proxectos colectivos invitados”.
A Deputada lembrou que “a Rede Museisitica leva traballado dende fai anos polo recoñecemento e a valoración da muller dentro do mundo da Arte. E agora, tamén a través desta nova iniciativa que forma parte do diálogo que mantemos coa sociedade para coñecer e percorrer a nosa identidade a través dos museos, e neste caso das artistas que alí expoñen”.
Mulleres Mirando Mulleres (MMM)
A plataforma MMM, na súa variante online, funciona a través de convocatoria na que se seleccionan, xestoras, comisarias, galeristas, comunicadoras, xornalistas, blogueras, museólogas, historiadoras, investigadoras, teóricas ou críticas que se postulan acompañadas dunha artista por elas seleccionada previamente. Presentando textos curados ou entrevistas que dean a coñecer a traxectoria da artista seleccionada. Unha vez resolta a convocatoria que será a partir do 8 de marzo publícase escalonadamente na web www.mujeresmirandomujeres.com e durante os tres meses seguintes, todos os textos curados xerados dando visibilidade tanto ás artistas como ás xestoras da arte. Na anterior edición de MMM o alcance de impacto de difusión roldou as 40.000 persoas.
II Edición do Poder da Presenza
Toda a Rede Museistica da Deputación acollerá as pezas e obras das artistas seleccionadas, nun diálogo reivindicativo e natural coas obras dos propios museos, que permanecerán en exposición ata finais de ano. Así pois, a Rede Museística de Lugo, chama a participar nesta II Edición do Poder da presenza ás artistas galegas, nunha convocatoria na que tamén se convida as artistas do noroeste do país, concretamente das Comunidades de Castilla-León, Cantabria e Asturias, ademais de Galicia.
Presentación
A presentación desta proposta realizouse no Museo Provincial de Lugo, concretamente na Sala Xulia Minguillón, para homenaxear a unha das figuras artísticas máis importantes do século XX. García Porto estivo acompaña da Coordinadora da Rede Museisitica, Encarna Lago, a Directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, e a Coordinadora do proxecto MMM, Mila Abadia, que participou na rolda de prensa por viodeoconferencia.