O CENTRAD da Deputación pon en marcha a primeira replica da imprenta de Gutenberg en Galicia
- O Goberno da Deputación vai poñer en marcha unha campaña para que os centros escolares da provincia poidan coñecer este artiluxio único, e que sexan os propios nenos e nenas os que poñan en marcha esta máquina unica e excepcional
- A realización deste traballo foi complexo xa que non había base na que traballar, e os planos que se utilizaron foron os que se publicaron na Enciclopedia de Diderot de Juan de la Cuesta, na que aparecen publicadas unhas fotocopias con diferentes escalas das pezas desta imprenta. Foi feita con madeiras de castiñeiro de Sarria
- A primeira impresión que saíu hoxe da replica de Gutenberg no CENTRAD foi unha Cantiga de Amigo de Xoán de Requeixo (trovador da Ribeira Sacra), pertencente ao Cancioneiro da Vaticana
- No acto de presentación participaron os traballadores dos talleres do CENTRAD que realizaron a peza, escolares, e responsables de imprentas de toda a provincia, ademais de persoeiros relacionados co sector da edición do libro en Galicia
O CENTRAD da Deputación exhibe a partir de hoxe unha réplica da imprenta de Gutenberg, a única que existe en funcionamento en Galicia, e unha das poucas de España, e que foi construída nos propios talleres da Deputación. Segundo consta nos arquivos, existen poucas pezas similares en España que están en funcionamento, unha situada en Urueña (Valladolid), na cidade do libro, e outra na Comunidade de Madrid.
O Presidente avanzou “que a partir de agora todos os visitantes poderán desfrutar dunha peza exclusiva, cen por cen galega, feita ademais, polos propios profesionais do CENTRAD. Todos os que se acheguen ao Centro de Artesanía teñen a oportunidade de comprobar in situ como funciona este artiluxio, o único que está en funcionamento en Galicia”.
Campos Conde agradeceu o traballo dos traballadores que fixeron posible este proxecto. “A partir de agora esta peza será a estrela da nova Sala Gutenberg da Deputación. E ademais quero anunciar que xa están traballando nun novo proxecto, o Tórculo. Unha peza de prensa que se utilizada para a impresión de gravados en metal ou calcografías”.
O Presidente avanzou que “o Goberno da Deputación vai poñer en marcha unha campaña informativa, para que os centros escolares da provincia poidan coñecer esta peza excepcional, e que sexan os propios nenos e nenas os que poñan en marcha esta máquina, e ao mesmo tempo poidan levar un pequeno recordo do seu paso polo Centro de Artesanía e Deseño”.
Carpinteiros e ferreiros
Os responsables deste proxecto foron Álvaro Fernández, carpinteiro responsable do Obradoiro do Moble Artesán do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), e os seus compañeiros do Obradoiro do Moble Artesán e Obradoiro do Libro, Joao Fernandes, José Anxo Castro e Diego López. Ademais, tamén colaborou o ferreiro da Fonsagrada, Olverio Fernández. A realización deste traballo foi complexo xa que non había base material na que traballar, e os planos que se utilizaron foron os que se publicaron na Enciclopedia de Diderot de Juan de la Cuesta, na que aparecen publicadas unhas fotocopias con diferentes escalas coas pezas desta imprenta. A máquina foi realizada con madeiras de castiñeiro, procedentes de Sarria.
Presentación
Campos Conde estivo acompañado neste acto da Deputada de Cultura, Pilar García Porto e o Concelleiro de Deportes e Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández. Tamén estiveron presentes os traballadores dos talleres do CENTRAD que realizaron esta peza, así como alumnos do Colexio Menéndez Pelayo de Lugo, e responsables de imprentas de toda a provincia, ademais de persoeiros relacionados coa edición do libro en Galicia.
Cantiga de Amigo de Xoán de Requeixo
A primeira impresión que saíu hoxe da replica de Gutenberg no CENTRAD foi unha Cantiga de Amigo de Xoán de Requeixo (trovador da Ribeira Sacra), pertencente ao Cancioneiro da Vaticana. Unha peza que narra a romaría de Faro en Chantada, e que fixo popular o grupo musical Fuxan os Ventos;
Fui eu madre, en romaría
a Faro, con meu amigo
e veño del namorada
por cuanto falou conmigo.
Ca mi xurou que morria
por mi, tal ben me quería
Leda veño da ermida
e desta vez leda serei
ca falei con meu amigo
o que sempre desexei.
Ca mi xurou que morria
por mi, tal ben me quería
Deúme eu vi con meu amigo
vin leda, si Deus me perdón
ca nunca lli cuido mentir
por cuanto me él dise entón.
Ca mi xurou que morria
por mi, tal ben me quería.
A invención da imprenta
Os expertos datan a metade do século XV a invención da imprenta moderna. Aínda que China e Europa contaban con sistemas de impresión avanzados, foi o alemán Johannes Gutenberg quen tivo a idea de perfeccionar a xilografía do momento (mecanismo de impresión para publicar panfletos de poucas follas) centrándose na utilización dos tipos móbiles. A imprenta moderna supuxo unha revolución cultural. Facilitou o acceso do pobo aos libros e ocasionou transformacións no ámbito político, relixioso e artístico. O verdadeiro valor da imprenta recaeu en que, por primeira vez, era e foi posible a difusión e o acceso ao coñecemento.