Double-Double, Zoelas, Ana Alcaide, Fernando Barroso & Margarida Mariño e Candorka Trío no MusicAD da Deputación
Serán un total de cinco actuacións nos que se poderá desfrutar das tendencias do panorama actual, tanto nacionais como internacionais, de música folk. Dende sons sefardís, irlandeses e escoceses, pasando pola música tradicional, clásica e por suposto a innovación e a experimentación de novas voces
As entradas, que son totalmente gratuítas, deben de retirarse na web ataquilla.com, a partir do venres 22 de febreiro ata esgotalas. Máximo 2 por persoa
A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este xoves o MusicAD, a nova programación musical que ofrece o Goberno Provincial de xeito totalmente gratuíto. Serán un total de cinco concertos nos que se poderá desfrutar das tendencias, tanto nacionais como internacionais, do panorama actual da música folk. Dende música sefardi, irlandesa e escocesa, tradicional, clásica e por suposto a innovación e a experimentación de novos sóns e novas voces. No acto de presentación celebrado no CENTRAD estivo acompaña de Pilar Naveira do grupo Zoelas e Vadim Yukhnevich de Candorka Trío, artistas que participan nesta nova edición.
García Porto avanzou que participarán nesta programación “a música irlandesa e escocesa co grupo Double-Double; unha das revelación da temporada o grupo lucense Zoelas que auna o canto coral feminino coa musica tradicional; a artista Ana Alcaide que nos descubre temas tradicionais casteláns e sefardíes, cun instrumento propio do folclore de Suecia a Nyckelharpa ou Viola de Teclas; o dúo formado por Fernando Barroso & Margarida Mariño, que amosan a música inspirada en compositores clásicos doutras épocas, e por último Candorka Trio, que presentan proxecto que toma como eixo definitorio a música de raíz e a vontade de expresala desde a experimentación e o inconformismo”.
Todos os concertos terán lugar na Sala de exposicións da Capela de Santa María ás 20:30 horas. As entradas, que son totalmente gratuítas, deben de retirarse na taquilla web:ataquilla.com, a partir do venres 22 de febreiro ata esgotalas. Cada persoa pode retirar un máximo 2 entradas para cada concerto.
Programación MusicAD 2019
- Sábado 2 de marzo: Double-Double naceu cando un gaiteiro de Xura, un acordeonista de Morvan, un pianista de Armagh e un guitarrista de Arisaig xuntáronse e fixeron un plan. A banda inspírase na paisaxe musical irlandesa e escocesa e combina isto coas tradicións das áreas de Morvan e Auvernia en Francia. Enriquecido con moitas auto-composicións, os seus temas musicais organízanse e tocan con orixinalidade. Sébastien Lagrange foi educado coa música tradicional do seu amado Morvan grazas ao seu pai, o cantante e gurú Jo Lagrange. Gaël Rutkowski descubriu as gaitas do centro de Francia grazas aos seus pais, e comezou a aprender con Dominique e Pascal Meunier en 1992. Caoimhín Vallely destacou por primeira vez como violinista coa banda de Cork North Cregg, pero nos últimos anos converteuse nun dos pianistas máis interesantes e individuais da escena musical irlandesa grazas ai seu traballo con Buille e co cantante Karan Casey. Ross Martin é recoñecido como un dos mellores guitarristas na escena musical actual de Escocia, ademais é un dos membros fundadores da galardoada banda de Highland Dàimh.
- Sábado 9 de marzo: Unha das revelacións da temporada Zoelas é un grupo que aposta polo canto coral feminino, pero unindo canto tradicional. Está formado polas voces de Beatriz García, María Bouzas, Pilar Naveira, Érica García, Patricia Coucheiro, e a guitarra de Michel Rivadulla, a Requinta, Zanfona e Gaita de Bruno Villamor e as percusións de Miguel Varela “Miki”. Matriarcado. O canto como berro. Zoelas. Música tradicional fusionada con outros estilos. Un dicire propio, que agroma do canto do País para pendurarse en arranxos que miran con outros e cos mesmos ollos. Todo está por escribir nun lenzo que sabe a monte, a Terra. Unha terra que ferve e que, máis tarde que cedo, botará por fora.
- Sábado 16 de marzo: Ana Alcaide é unha madrileña afincada en Toledo, que desde fai anos decidiu emprender un camiño distinto no folk en España: Interpretar temas tradicionais casteláns e sefardíes, pero cun instrumento propio do folclore de Suecia: a Nyckelharpa ou Viola de Teclas. Alcaide presentou o seu traballo nalgúns dos festivais, teatros e escenarios máis importantes de España, Francia, Italia, Alemania, Marruecos, Canadá, Bulgaria, Indonesia, Corea do Sur, Uzbekistán, Arxentina e Uruguay. Pero a súa evolución persoal e artística levárona a conquistar novos campos creativos nos últimos anos.
- Sábado 23 de marzo: Actuación do dúo formado por Fernando Barroso & Margarida Mariño. Barroso, é un músico ferrolán, compositor e produtor galego que actúa acompañado pola xove violoncellista viguesa Margarida Mariño, quen recibíu clases de prestixiosos violoncellistas como Cristophe Coin, Barbara Switalska, Asier Polo y Herre Jan Stegenga. Actualmente Barroso é músico titular da Orquestra Sinfónica Vigo 430, do Ensemble Galeria e do dúo Treme. A súa bagaxe internacional ao longo destes anos levoulle a tocar en importantes escenarios de todo o mundo, con diversas bandas e proxectos persoais, e que desemboca no inicio a súa carreira en solitario, presentando o seu primeiro disco Intropía en 2016 e este novo traballo Silence lovers club – Mandolin pieces, presentando en xaneiro de 2018. Entre outros galardóns recibiu o “Premio Opinión ao Mellor Artista Galego 2016”.
- Sábado 30 de marzo: Candorka Trio, formado por Brais Monxardín, Vadim Yukhnevich e Miguel Anxo López. Constitúe un proxecto que toma como eixo definitorio a música de raíz e a vontade de expresala desde a experimentación e o inconformismo. FONSAGRADA é o seu primeiro traballo, froito da complementariedade e das inquedanzas de tres músicos que souberon conxugar o repertorio gaitístico e vocal da comarca da Fonsagrada con sonoridades que proceden do jazz europeo, o rock ou a vertente clásica. Trátase dunha proposta contemporánea que abrangue do son máis enérxico até o intimista e que aposta pola modernidade sen renunciar a melodías que aínda conservan a capacidade para definirnos nun mundo cada vez máis global. Preséntasenos arroupado pola linguaxe pictórica de José Arias, caracterizada tamén pola introspección e a indagación. O resultado é un fluír e confluír expresivo que abre novos camiños e non deixa indiferente.