Presentado o libro Coloreando a provincia de Lugo, co que colabora o Goberno da Deputación
Esta composta por 56 páxinas e 45 ilustracións, que permiten facer un percorrido polos diferentes activos patrimoniais, culturais e turísticos dos concellos lucenses
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, xunto a autora do libro, Paula Mayor, e a editora de Hércules Ediciones, Laura Rodríguez Herrera, participaron este mércores, nas instalacións da Asociación Juan Soñador, na presentación do libro Coloreando a provincia de Lugo, unha obra que contén ilustracións de diferentes motivos lucenses para colorear. A Deputación colabora na edición e na difusión deste libro, pois será empregado como agasallo institucional.
A obra permite facer un percorrido polos diferentes activos patrimoniais, culturais e turísticos da provincia. Son 56 páxinas con ilustracións nas que se identifican aquelas paisaxes e monumentos máis emblemáticos dos concellos lucenses. Deste xeito, pretende servir como recordo para todos aqueles visitantes que veñen a coñecer Lugo, e tamén para que os nenos e nenas lucenses coñezan as potencialidades da provincia.
O libro conta con 45 ilustracións feitas por Paula Mayor. Ademais, inclúe un mapa no que se poden identificar os mellores recunchos e monumentos do territorio lucense. Así, pódese facer unha viaxe dende a Praia da Catedrais ata a Ribeira Sacra, pasando polas rúas máis emblemáticas da capital luguesa. Os exemplares pódense atopar en calquera librería en galego, castelán ou inglés.
Sobre a autora
A autora e ilustradora, Paula Mayor, estudou informática e fixo prácticas nunha axencia de animación. Traballou en moitos e diferentes ámbitos da ilustración, con libros infantís, cómics, carteis para organismos oficiais... e foi premiada e varias ocasións. Desde o momento que descubriu a ilustración non a puido abandonar e dese modo a súa profesión dirixiuse cara o deseño gráfico (maquetación, infografía, deseño téxtil e editorial, publicidade... ) comezando así unha traxectoria que lle permitiu compaxinar a súa gran paixón co seu traballo.