Últimas entradas para o concerto gratuíto de Ana Alcaide, incluído na programación do MusicAD
- Esta artista actuou nos principais escenarios e festivais de folk e world music do mundo. Tamén estivo no Top 10 dos WMCE ( World Music Charts Europe)
- As entradas son totalmente gratuítas e poden retirarse na web www.ataquilla.com ata un máximo de dúas por persoa. Das 200 dispoñibles, soamente queda unha vintena
A intérprete e compositora Ana Alcaide actuará o vindeiro sábado 16 de marzo na sala de exposicións da Capela de Santa María de Lugo ás 20:30 horas. É o terceiro dos cinco concertos da programación cultural do MusicAD que organiza a Deputación e nos que se pode desfrutar das tendencias, tanto nacionais como internacionais, do panorama actual da música folk.
A artista Ana Alcaide, que decidiu emprender hai anos un camiño distinto no folk en España, interpretará temas tradicionais casteláns e sefardíes, cun novidoso instrumento propio do folclore de Suecia: a Nyckelharpa ou Viola de Teclas.
Ana Alcaide actuou nos principais escenarios e festivais de folk e world music do mundo. Tamén estivo no Top 10 dos WMCE (World Music Charts Europe), así como nos Transglobal World Music Charts desde o lanzamento en 2016 de LENDA, un proxecto musical e escénico inspirado en lendas e mitoloxías de mulleres ancestrais que explora a forza do feminino cunha mirada actual.
Das 200 prazas dispoñibles para este concerto soamente quedan unha vintena. As entradas, que son totalmente gratuítas, poden ser retiradas na web https://entradas.ataquilla.com, ata un máximo de dúas entradas por persoa.
A compositora
Ana Alcaide é unha intérprete e compositora de Toledo que desenvolve unha actividade investigadora ao redor de antigas tradicións e culturas. Ana xogou un rol principal e pioneiro na introdución e popularización da nyckelharpa en España. O seu quinto traballo discográfico LENDA de 2016 foi encomiado pola crítica internacional acadando varios números un, nalgunhas das radios nacionais e rexionais de Australia, Canadá USA ou Europa. A prestixiosa revista Songlines Magazine deulle a crítica de 5 estrelas e o recoñecemento Top of the World.
MusicAD
O programa cultural do MusicAD que promove a Deputación este ano inclúe dende música sefardí, irlandesa e escocesa, tradicional, clásica e por suposto a innovación e a experimentación de novos sons e novas voces.
O sábado 23 de marzo actuará o dúo formado por Fernando Barroso & Margarida Mariño. Barroso e o sábado 30 de marzo Candorka Trio, formado por Brais Monxardín, Vadim Yukhnevich e Miguel Anxo.
Exposición No carro un latexar. Cultura popular no Folión de Chantada
O público que asista ao concerto tamén pode contemplar, na Capela de Santa María, unha mostra fotográfica exposta sobre as tradicións e cultura galega, en especial a que xira en torno ao carro. Constituída por 25 imaxes de Lydia Castro a exposición ‘No carro un latexar. Cultura popular e identidade no Folión de Chantada’, permanecerá aberta ata o 30 de marzo