O lucense Manuel F. Rodriguez recibe o 'Premio Aymeric Picaud' pola súa divulgación do Camiño de Santiago
O Presidente felicitou ao premiado destacando que “a provincia de Lugo, a través do Camiño Francés, é a gran porta de entrada de milleiros de peregrinos a Galicia, e por isto sentímonos orgullosos de que un lucense, reciba este recoñecemento”
O Premio internacional Aymeric Picaud que outorga a Liga de Asociacións do Camiño de Santiago creouse no ano 2014 co obxectivo de recoñecer a xornalistas que contribúen a divulgar as rutas xacobeas e o patrimonio inmaterial do Camiño
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou este sábado na Real Abadía de Samos, na entrega do VI Premio Aymeric Picaud ao xornalista e investigador lucense Manuel F. Rodríguez, como recoñecemento o seu labor de divulgación do Camiño de Santiago.
O sarriano Manuel F. Rodríguez é técnico do Xacobeo e ideou e dirixiu a Gran Enciclopedia del Camino de Santiago composta por 18 tomos e cuxos contidos foron volcados tamén en internet na web Xacopedia. É autor de numerosas publicacións sobre as rutas de peregrinación xacobeas como son Los Caminos de Santiago en Galicia, que escribiu en colaboración con Francisco Singul; Los años santos compostelanos del siglo XX. Crónica de un renacimiento; e da novela A viaxe á fin do mundo. Ademais, colabora habitualmente coa prensa galega e é columnista da revista Peregrino editada pola Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago.
Este galardón internacional é outorgado anualmente desde o 2014 pola Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago. Leva o nome do cronista e monxe francés Aymeric Picaud, que peregrinou a Santiago de Compostela no século XII e escribiu o Liber Peregrinationis, a primeira guía medieval do Camiño de Santiago que está incluída no libro V do Códex Calixtinus.
Campos Conde felicitou ao xornalista lucense galardoado destacando que “a provincia de Lugo a través do Camiño Francés é a gran porta de entrada de milleiros de peregrinos a Galicia, e por isto sentímonos orgullosos de que un lucense, o xornalista Manuel F. Rodríguez reciba este recoñecemento polo seu constante labor de investigación e divulgación que contribúe a impulsar o coñecemento sobre o Camiño de Santiago”.
Colaboración do SdA na difusión do evento
A Deputación a través do seu Departamento de Servizos Audiovisuais colaborou coa Liga de Asociaciones de Periodistas del Camino de Santiago no desenvolvemento do acto de entrega deste galardón. Ademais de emitir un vídeo sobre o turismo da provincia de Lugo elaborado polo alumnado do Centro de Formación Audiovisuais, varios técnicos de imaxe e son do organismo provincial encargáronse de gravalo para ser posteriormente transmitido en webs e redes sociais e que acade maior difusión.
Biografía de Manuel F. Rodriguez
O sarriano Manuel F. Rodríguez é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou no Progreso, La Voz de Galicia, Diario 16, Antena 3 Radio e Cope. Desde 1992, forma parte da plantilla da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo. Desde 2008, é membro do comité asesor do Arquivo Sonoro de Galicia, Consello da Cultura Galega. Exerce como ensaísta, conferenciante e articulista en publicacións especializadas, prensa, congresos, cursos de verán encontros en España e outros países de Europa e América. É autor de numerosas publicacións, a maioría relacionadas co Camiño de Santiago, entre elas, as seguintes: Los Caminos de Santiago en Galicia (en colaboración con Francisco Singul) e Los años santos compostelanos del siglo XX. Tamén ideou e dirixiu a 'Gran Enciclopedia del Camino de Santiago' (18 vol.) volcada despois no web Xacopedia.com
Premio Internacional Aymeric Picaud
A Liga de Asociacións do Camiño de Santiago naceu en 2012. Está composta por representantes de oito Asociacións da Prensa do Camiño Francés (Aragón, Navarra, La Rioja, Burgos, Palencia, León, Lugo e Santiago de Compostela) que agrupa a uns 1.500 xornalistas. No ano 2014, créase o Premio Internacional Aymeric Picaud de divulgación xornalista sobre a ruta xacobea recaendo a súa 1ª edición na escritora italiana Carmen Pugliese. A 2ª edición foi outorgada ao xornalista e dinamizador do Camiño de Santiago Carlos Mencos. No 2016, a 3ª edición deste premio foi entregado a Antón Pombo, doutor en Historia Contemporánea e no 2017 o 4º destes galardóns recaeu no investigador e xornalista italiano Paolo Caucci. O ano pasado, no 2018 foi recibido por pola escritora coreana Kim Nam Hee.