Susana Seivane, o desfile de zocas e o 125 aniversario da vila, protagonistas do Mercado de Primavera do Valadouro
- Haberá máis de 100 postos de venda ao público, con toda clase de produtos autóctonos e outro tipo de stands con mercadorías de distintas clases, e tamén de artesanía. O 125 aniversario da vila estará protagonizado polo Alcalde e membros da corporación municipal.
- A programación inclúe pasarrúas, concertos, desfile de zocas e de roupa tradicional, ruta de tapas, exposición de zoqueiros, demostracións de oficios tradicionais, exhibición de baile, entre outras actividades
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, o alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda, e o Concelleiro de Cultura do Valadouro, Eduardo Chao González, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos, o XIII Mercado Tradicional de Primavera do Valadouro, que comeza o venres 22 e prolongarase durante toda a xornada do sábado 23. Este ano cómprese ademais o 125 aniversario da vila. A súa celebración estará protagonizada polo Alcalde e membros da corporación municipal.
Durante estes días, este municipio mariñán rememora o pasado labrego e a vida nas aldeas, por iso todos os veciños ataviándose con roupaxes tradicionais, como as zocas, que teñen unha gran presencia durante estes dous días e convertéronse en sinal de identidade deste mercado.
Haberá máis de 100 postos de venda ao público, con toda clase de produtos autóctonos, como mel, pan, empanadas, embutidos, así como outro tipo de stands con distintas mercadorías como roupa, calzado, e tamén artesanía.
Programación
A programación desta 13ª edición inclúe pasarrúas, concertos, desfile de zocas e de roupa tradicional, ruta de tapas, exposición de zoqueiros, demostracións de oficios tradicionais, exhibición de baile, entre outras actividades.
O mercado, comeza o día 22 de marzo co pregón escrito polo dramaturgo Manuel Lourenzo e que lerá o cantautor Miro Casabella, ás 21:00 horas. A continuación, haberá unha actuación deste artista e da Banda de Gaitas Dambara. Despois, terá lugar unha exhibición de baile en zocas a cargo da Asociación Cultural Amado Lar. Inaugurarase a exposición Pintores do noso val e ás 23:00 horas, dentro do espazo de Zoc’ & Roll, haberá un concertó de Cuarta Xusta & Zënzar.
2ª Xuntanza de automóviles clásicos Val do Ouro
O día grande o 23 de marzo, sábado, será unha xornada con moita actividade, coa apertura do mercado dos postos de venda ás 10:00 horas, durante toda o día. Estarán abertos nas rúas Andrés López Palmeiro, Plaza de Santa María, Parque Concepción Arenal e a Explanada do Matadero. Desde as 10:00 horas ata as 13:00 horas, celebrarase a 2ª Xuntanza de automóviles clásicos Val do Ouro.
Ás 11:30 horas, haberá pasarrúas a cargo da Asociación Cultural Amado Lar, que dará paso ao Desfile de zocas, zocos e vestimenta. A sesión vermú estará amenizada pola Banda de Gaitas Dambara e Escolma de Meus. Pola tarde, ás 16:00 horas haberá actividades infantís e para desfrutar en familia. A música voltará ás rúas ás 18:00 horas, con Festicultores Troupe e Charanga Mekánica. O peche desta edición correrá a cargo de Susana Seivane e Ruxe-Ruxe.
Na mesma liña de outras edicións, os escarapates da vila estará decorados de xeito acorde coa temática do mercado; haberá demostracións de oficios tradicionais e ruta de tapas. Ademais, estará presente o fotoenxebre, onde os visitantes poderán obter unha fotografía desta visita.