A Capela de Santa María énchese co concerto gratuíto de Fernando Barroso & Margarida Mariño, incluído no MusicAD
O público asistente tamén tivo a oportunidade de contemplar a exposición de fotografías de Lydia Castro sobre as tradicións e cultura galega, ‘No carro un latexar. Cultura popular e identidade no Folión de Chantada’
O ciclo de música rematará o vindeiro sábado 30 de marzo coa actuación de Candorka Trío que xa ten todas as entradas esgotadas
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, participou este sábado no concerto de Fernando Barroso & Margarida Mariño, que tivo lugar na Capela de Santa María ás 20:30 horas, dentro da programación gratuíta do MusicAD. A actuación foi todo un éxito de público, completándose o aforo da sala, coas entradas de balde esgotadas dende mediados de semana.
Durante o concerto, as voces deste dúo musical encheron de música tradicional esta sala de Lugo cun repertorio orixinal para mandolina que inclúe pezas que van dende o swing/jazz pasando pola música persa ou barroca e a música popular.
A programación do MusicAD rematará o último sábado deste mes de marzo, co concerto de Candorka Trío, que terá lugar o día 30 de marzo e que leva xa días coas 200 entradas esgotadas.
Exposición
O público que asistiu ao concerto tamén puido contemplar a mostra fotográfica exposta na Capela de Santa María, e que permanecerá aberta ata o 30 de marzo, ‘No carro un latexar. Cultura popular e identidade no Folión de Chantada’, de Lydia Castro. Constituída por 25 imaxes, a exposición pretende poñer en valor a tradición e a cultura galega, en especial a que xira en torno ao carro.