Co non do PP, a Deputación insta á Xunta a mellorar en Castroverde o patrimonio arquitectónico ao pé do Camiño
García Porto subliñou que “dende hai unha década o patrimonio arquitectónico do Concello de Castroverde está a sufrir un deterioro e desatención importante, máis destaca un maior desgaste aquel relacionado co Camiño Primitivo a Santiago”
O Pleno da Deputación aprobou este martes, cos votos en contra do PP, a proposta do Executivo Provincial para instar á Xunta de Galicia a protexer e poñer en valor o patrimonio arquitectónico do Concello de Castroverde, nomeadamente o que se atopa ao pé do Camiño Primitivo, garantindo as labores de recuperación e divulgación da Igrexa de Vilabade, a Torre da Fortaleza e o conxunto de Soutomerille, mediante a correspondente dotación orzamentaria.
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, apuntou que “a Xunta de Galicia, administración con competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de Galicia, debe actuar con responsabilidade e procurar tanto conservar os bens en deterioro como atender as demandas da poboación, sobre todo daquela que amosa un interese por mantelos no tempo”.
García Porto subliñou que “dende hai unha década o patrimonio arquitectónico do Concello de Castroverde está a sufrir un deterioro e desatención importante, máis destaca un maior desgaste aquel relacionado co Camiño Primitivo a Santiago. Entre os numerosos elementos que se poden atopar neste concello, hai algúns de gran influenza cultural e social que co paso do tempo están a representar desleixo máis ca riqueza. Sobre todo trátase de Bens de Interese Cultural (BIC) catalogados pola Xunta de Galicia”.
Pola súa parte, o PP argumentou que “non polo feito de que a Xunta de Galicia teña a competencia en materia de Patrimonio, ten a obriga de investir todo o diñeiro necesario á hora de rehabilitar ese patrimonio” para defender o seu voto en contra desta iniciativa.
Patrimonio no que se insta á Xunta a actuar
A Igrexa de Vilabade: coñecida popularmente como “A Catedral de Castroverde”, trátase dunha igrexa de estilo gótico que data do século XV e de obrigada parada para os miles de peregrinos que durante o ano se chegan a este concello procedentes da Serra da Vacariza. Esta construción presenta dende hai varios anos preocupantes filtracións de auga nas súas paredes e polo tanto unha alta concentración de humidade no seu interior, condicionando a estancia do visitante. Témese tamén polo estado do retablo que preside o Apóstolo Santiago, pois a recente restauración pódese ver afectada pola propia humidade.
A Torre da Fortaleza: datada do Século XIV, eríxese como o emblema do Concello. Propiedade privada declarada BIC, precisa dunha actuación de urxencia, pois as pedras da súa parte superior estanse a precipitar continuamente e a estrutura comeza a volverse cada vez máis feble. Asemade, as actuacións forestais do seu arredor, onde se localiza a antiga muralla ao pé dun castro, amósanse pouco respectuosas coa súa catalogación. A Xunta de Galicia está a permitir que os propietarios da Torre estean a incumprir co seu deber de conservación, segundo o establecido no Artigo 32 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
O conxunto de Soutomerille: singular conxunto histórico do Concello, componse por unha igrexa prerrománica, as Casas da Torre de Arriba e de Abaixo (declaradas BIC) e dun dos cemiterios máis cativos de Galicia. Actualmente rodea ao edificio anexo á igrexa unha muralla de chapas de aceiro galvanizado que se prestan máis como lenzo de grafiteiros que como medidas de protección para o acceso ao que se ía destinar como centro de interpretación do Camiño. Esta situación foi demandada por distintos colectivos diante do organismo autonómico, mais non se chegaron a desmontar.
O Pleno Provincial chegou aos seguintes acordos:
- Instar a Xunta de Galicia a que realice as actuacións necesarias para acondicionar a Igrexa de Vilabade para poñer fin aos problemas de humidade no interior.
- Instar á Xunta de Galicia a que leve adiante os trámites para facer monumento público a Torre da Fortaleza de Castroverde e acometer posteriormente as labores de estabilización estrutural e restauración do ben, así como o acondicionamento da súa contorna.
- Instar á Xunta de Galicia a que recupere e execute o proxecto de posta en valor do conxunto de Soutomerille, limpando e afianzando os bens e rematando as obras proxectadas no seu momento no edificio anexo á igrexa para destinalo a Centro de Interpretación do Camiño Primitivo.
- Instar á Xunta de Galicia a que garanta as labores técnicas de coordinación, recuperación e divulgación dos citados monumentos mediante dotación orzamentaria suficiente.