Autismo Galicia presenta 'Un de cen', para visualizar ás persoas con TEA, na Rede Museística da Deputación
A colección conta con máis de 100 obras individuais e corais inspiradas nas manifestacións artísticas actuais, para facer visible a creatividade das persoas con TEA
O obxectivo e ampliar o coñecemento da cidadanía sobre este trastorno, no Día Mundial de Concienciación do Autismo, que se conmemora mañá, 2 de abril
O organismo provincial traballa da man co tecido asociativo lucense para responder ás necesidades das persoas con autismo, co fin de mellorar a súa calidade de vida
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, inaugurou este luns, no Refectorio do Museo Provincial, a mostra Un de cen. Comprendendo o espectro, organizada pola Federación de Autismo de Galicia. Trátase dunha exposición de máis de 100 obras individuais e corais realizadas por membros das distintas asociacións de autismo de Galicia, e que permanecerá aberta ao público ata o 30 de abril, e que pode poder verse en toda a Rede Museística da Deputación. O obxectivo é facer visible a capacidade creativa das persoas con TEA (Trastorno o Espectro do Autismo) con motivo do Día Mundial de Concienciación do Autismo, que se conmemora mañá, 2 de abril.
A mostra enmárcase dentro dun proxecto máis amplo que contempla actos para a información, sensibilización, e formación sobre a existencia deste trastorno, que se desenvolverán ao longo de 2019. O traballo realizarase en dúas direccións. Serán accións encamiñadas, por un lado, a ampliar os coñecementos da cidadanía sobre este trastorno, e por outro lado tentarse achegar ás necesidades específicas das persoas con TEA aos futuros profesionais que interveñen dalgunha maneira na calidade de vida deste colectivo. O fin é xerar unha mirada renovada en torno á singularidade das persoas con TEA, xa que, segundo indican os estudos máis recentes, estímase que na actualidade dáse un caso de TEA por cada 100 nacementos.
Autismo Galicia está formada por pais, nais, titores e profesionais protectores de persoas con TEA na comunidade galega, onde se teñen rexistradas 1.700 persoas con este trastorno. A Federación traballa para mellorar a calidade de vida destas persoas e o seu acceso a servizos e ás necesidades básicas.
Sesións formativas
O proxecto Un de cen realízase en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, polo que a Federación Autismo Galicia impartirá unha serie de sesións informativas entre os profesionais de distintos ámbitos que poden estar relacionados co TEA, tales como o ámbito educativo ou o de Ciencias da Saúde. Así, estudantes das Facultades de Enfermería ou Ciencias da Educación do Campus de Lugo recibirán formación sobre as distintas necesidades destas persoas.
Presentación
Na inauguración no Museo Provincial este luns, participaron tamén, a Representante da Xunta Directiva da Federación de Autismo Galicia, Marisol García Penalta; a Directiva de Capaces Lugo, Ángeles Fernández, Directiva de Capaces Lugo; a Psicóloga da Federación Autismo Galicia, Cristina Couto. Neste acto reivindicaron unha maior atención ás persoas con estas capacidades diferentes.
Asociacións de persoas con autismo en Lugo
Na provincia de Lugo, a Deputación ten unha estreita colaboración con colectivos como Capaces Lugo ou Raiolas, que realizan un labor comprometido para mellorar a calidade de vida e a rede de servizos para as persoas con TEA e as súas familias, procurando a súa plena integración social e familiar. O organismo provincial traballa da man co tecido asociativo lucense para responder ás súas necesidades, co fin de que as persoas con TEA acaden unha maior visibilidade en todos os niveis da sociedade.
Raiolas é unha entidade sen ánimo de lucro constituída no ano 2000, integrada por 65 familias con autismo e outros trastornos do Espectro do Autismo (TEA). O seu obxectivo é a realización de actividades que melloren a calidade de vida das persoas con autismo ou TEA e que procuren a súa plena integración familiar e social. Raiolas conta no seu persoal cun psicólogo, unha psicopedagoga, un logopeda, un terapeuta ocupacional e un mestre que ofrece apoio escolar a alumnos da capital lucense.
O seu traballo xira en torno á atención psicolóxica, psicopedagóxica, logopeda, terapia ocupacional, apoio escolar e obradoiros grupais. Ademais, durante todo o ano, o colectivo realiza faladoiros e coloquios por colexios da provincia para dar a coñecer e divulgar as características do autismo e outros trastornos do Espectro do Autismo (TEA), así como distintas campañas de sensibilización da cidadanía.
Pola súa banda, Capaces Lugo, de ámbito provincial, naceu hai 5 anos para apoiar ás persoas con Trastorno de Espectro Autista (TEA) e trastornos da comunicación (Trastorno Semántico Pragmático, TEL e outros) xa que precisan recursos moi similares no ámbito logopédico e terapéutico.
O colectivo ofrece distintos programas como o de acollemento a familias, co que ofrece información asesoramento e derivación a terapeutas cos que teñen convenios de colaboración, tanto para socios como para non socios. Tamén conta cun programa de ocio inclusivo, dentro do cal realiza actividades deportivas como piscina ou atletismo. Xunto coa Federación Autismo Galicia, leva a cabo o programa de accesibilidade cognitiva, ou cursos de formación para profesionais e familias, tales como Mestres, logopedas ou psicólogos.