Os III Premios María Luz Morales recoñecen o labor de investigación no audiovisual galego, co apoio da Deputación
Vidal Baamonde destacou “a importancia de darlle unha voz propia ao audiovisual galego, para fomentar o seu desenvolvemento, industrial e tamén no marco teórico, pois é un sector cultural capaz de xerar referentes como poucos”
O Goberno da Deputación apoia outros proxectos audiovisuais na provincia como a colaboración do director Oliver Laxe co CEIP de Cervantes, no que rodaron unha curta; ou o proxecto de longametraxe Caronte da produtora luguesa 60 Ráfagas
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o Presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, participaron na entrega dos III Premios de Investigación Audiovisual María Luz Morales. Durante o acto, que tivo lugar dentro da programación da ICC Week de Ourense, estiveron acompañados de representantes das outras tres Deputacións galegas, así como dos premiados e membros do xurado. A Academia Galega do Audiovisual conta co apoio do Goberno da Deputación cunha achega de 2.000 euros para a organización destes premios, que buscan dotar dun marco teórico e investigador ao ámbito audiovisual galego, coa colaboración das catro Deputacións.
Vidal Baamonde destacou “a importancia de darlle unha voz propia ao audiovisual galego, para fomentar o seu desenvolvemento industrial e tamén no marco teórico, pois é un sector cultural capaz de xerar referentes como poucos, o que supón unha gran responsabilidade dentro da cultura. Desde o Goberno da Deputación apostamos polo audiovisual non só facendo de Lugo un gran plató de rodaxe, posible grazas a súa riqueza paisaxística, natural e cultural, se non que tamén como xeradora de contido”.
Os premios están divididos en catro categorías, cunha dotación de 1.200 euros en cada unha delas, presentáronse un total de 36 traballos entre os que se elixiron 4 premiados, ademais de 4 accésits sen dotación económica:
Vídeo ensaio sobre cine galego:
- Premio: B Positivos de Sara Varela: a creadora analiza todas as películas estreadas en Galicia desde o 2013 ao 2018, e todas as nomeadas e gañadoras dos Premios Mestre Mateo, por medio do Test de Bechdel, sacando a luz resultados alarmantes da baixa representación das mulleres no cinema. O xurado decide premiar este traballo pola pertinencia do tema, así como o enfoque mostrado e o rigor da análise.
- Accésit: Nós, as desenfocadas de Irene Basanta: trátase dun estudo sobre o papel da muller no cine galego utilizando como medio a crítica feminista.
Ensaio escrito sobre cine galego:
- Premio: Argumentos de Películas de Pepe Coira: Descúbrenos o libro Argumentos de Películas, o primeiro libro español de cine, e especula sobre a identidade do seu autor, nunha obra que mestura ensaio e a investigación coa ficción, algo que o xurado valorou positivamente a hora de darlle o premio.
- Accésit: Unha Aproximación A Mimosas (Oliver Laxe) desde a pintura, a paisaxe e a mística de Sara Donoso: Unha investigación sobre a relación da pintura e a paisaxe no traballo de Oliver Laxe.
Vídeo ensaio sobre cine internacional:
- Premio: Propaganda de Guerra de Eire García: é unha reflexión sobre a representación da cultura da violación no audiovisual, unha industria capaz de crear imaxinarios que perpetúa. A decisión do xurado baséase na necesidade dun debate en torno a este tema e ao fundamentada que está a obra presentada, presentada de xeito orixinal e sen tabús.
- Accésit: Series Diferentes de Denisse Lozano: Analiza a evolución das series e os seus cambios ao longo da historia, e sobre todo coa aparición de internet.
Ensaio escrito sobre cine internacional:
- Premio: O Palco dum Povo: Oliveira 2.0: Un estudo sobre un proxecto de filme que o prolífero director portugués non chegou a desenvolver, unha proposta novidosa que se adaptaría as demandas de distribución e exhibición, o xurado considerou que o ensaio abre unha nova perspectiva sobre o traballo de Oliveira.
- Accésit: Dialéctica da Suplantación: imaxe, espectador e ultracorpos de Antón Varela: Crea unha analoxía entre Ladróns de corpos de Jack Finney (1953) e as súas adaptacións cinematográficas e a imaxe cinematográfica.
Os Premios María Luz Morales homenaxean á xornalista que lles dá nome, primeira muller editora dun diario de tirada nacional, unha muller pioneira, figura destacada do galeguismo e escritora especializada na crítica de cine e de teatro.
Outros proxectos audiovisuais que contan co apoio da Deputación
O multipremiado director, Oliver Laxe, estreou, recentemente, a curta que fixo en colaboración coa AMPA do CEIP de Cervantes, membro do Órgano de Participación da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. Os rapaces estiveron ás ordes do director na rodaxe da curta Quijano, o burro da Escola, que ten como protagonista o burro que pasa habitualmente a carón do seu colexio. Contou co apoio dos Servizos Audiovisuais da Deputación que achegou o material necesario, e o apoio do varios alumnos do Centro de Formación durante o rodaxe e a edición.
Por outra banda, o Goberno da Deputación e a produtora lucense 60 Ráfagas asinaron un convenio para a financiación do seu novo proxecto, o filme Caronte, aos que o ente provincial achega 25.000 euros. Un proxecto de longametraxe na que o estudo encargaranse da produción e a dirección de fotografía, mentres que a dirección estará a cargo do coruñés J.S. Raimudi quen tamén co-guioniza xunto a María Piñeiro. A rodaxe comezará o próximo outono na Pontenova, en Lugo e noutros concellos da provincia.