Kevin Johansen, Marem Ladson e Enric Montefusco actuarán no 17º Ribeira Sacra, que patrocina a Deputación
O evento terá lugar do 18 ao 21 de xullo, con concertos de artistas internacionais en lugares emblemáticos e en adegas da zona. Reunirá a unhas 4.000 persoas xerando uns 400.000 euros de beneficios, 70 postos de traballo e o 100% da ocupación hoteleira
Inclúe visitas guiadas, roteiros, catas de viño ou degustacións de produtos autóctonos. O Concello de Monforte facilita espazos gratuítos de acampada
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este xoves a terceira edición do Festival 17º Ribeira Sacra, un evento internacional de música co que colabora o organismo provincial dende a súa posta en marcha. Fíxoo acompañado do Director do Festival, Carlos Montilla. A Deputación fai unha achega de 25.000 o que a converte na principal administración colaboradora, por tratarse dunha oportunidade única para impulsar o turismo, xerar emprego e crear riqueza, non só no sur da provincia, senón en toda a provincia. Durante o acto anunciáronse os primeiros cabezas de cartel entre os que destacan Kevin Johansen, Marem Ladson e Enric Montefusco.
O 17º Ribeira Sacra reunirá a preto de 4.000 persoas, chegadas de distintos puntos de España, así como de Portugal; xerando un volume de negocio duns 400.000 euros ao tempo que xerará uns 70 postos de traballo, directo e indirecto. Tal e como aconteceu na edición anterior, agárdase acadar o 100% da ocupación hoteleira na zona.
Campos Conde destacou que “un ano máis, convertemos á Deputación na principal administración patrocinadora do evento, ao igual que o fixemos dende a súa creación, pois queremos consolidalo como un dos referentes musicais xa non só de Galicia, senón de España. E facémolo porque confiamos no enorme potencial que ten acadado para a zona da Ribeira Sacra, pero tamén para o conxunto da provincia, como elemento de dinamización social, cultural, económica e turística do noso territorio. Por iso nos sumamos dende un primeiro momento a esta iniciativa, pois é unha oportunidade única á que non lle podiamos dar as costas”.
Neste sentido o Presidente subliñou que “boto en falta máis implicación da Xunta de Galicia, institución coas competencias en Turismo, un sector tan importante para toda a Ribeira Sacra, pois a súa única colaboración co festival é a través de Fest Galicia e AGADIC, unhas axudas de concorrencia competitiva, que non se axustan á dimensión que ten acadado o festival”.
Campos Conde engadiu que “dende a Deputación seguiremos apostando por esta cita, pois máis alá da súa dimensión económica, tamén compartimos os valores de sustentabilidade, ademais do respecto e admiración pola contorna que o acolle. Precisamente hoxe, estamos a participar na reunión do Consello de Patrimonio Histórico, que se celebra en Santo Estevo de Ribas de Sil para promover a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco. Un proxecto moi ambicioso do que a Deputación de Lugo foi parte impulsora dende hai anos, e que ansiamos sexa unha realidade proximamente”.
O festival terá lugar do 18 ao 21 de xullo en espazos e lugares emblemáticos de Monforte de Lemos, Chantada, Sober. O Concello de Monforte de Lemos achega de 5.000 euros. Tamén colaboran o resto de municipios onde se celebra o festival, así como o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, AGADIC e Galicia Calidade.
Música, patrimonio, vitivinícola e gastronomía
O 17º Ribeira Sacra mestura a música de artistas internacionais coa promoción patrimonial, natural, vitivinícola e gastronómica dos establecementos da zona. “Eses son os catro eixos do festival co que propoñemos unha experiencia ao redor da música en directo, do viño, nunha zona de excelencia vitivinícola, e do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra” apuntou Carlos Montilla.
A programación inclúe concertos no Parador de Monforte, no Miradoiro de Santiorxo, na Praza de España de Chantada, no Catamarán de Doade, nas Adegas Regina Viarium, Vía Romana e Algueira, e na Reitoral de Gundivós.
Ademais das novas confirmacións no apartado musical, nas próximas semanas iranse dando a coñecer as novidades dun programa que ofrecerá de novo concertos na natureza, catas de viños, directos en catamaráns e adegas, visitas guiadas, rutas, cociña de autor e moitas outras sorpresas.
Cartel variado e para todo tipo de públicos
Carlos Montilla subliñou que “é un cartel moi variado, dirixido a todo tipo de públicos e gustos, sobre todo para as familias, e no que os asistentes poderán ver en directo a artistas como Kevin Johansen, Enric Montefusco ou Marem Ladson e moitos máis, que fan desta, unha terceira edición moi potente”.
O arxentino Kevin Johansen é un dos artistas máis interesantes da música latinoamericana nas últimas décadas. De nai arxentina e pai norteamericano, Johansen viviu nos dous extremos do continente americano e a súa música nútrese de influencias de ambas as partes. Pop, rock, canción popular latinoamericana e cumbia mestúranse nas composicións dun artista que leva a mestura cultural á súa máxima expresión. Sen dúbida que a súa presenza no Festival 17º Ribeira Sacra será unha magnífica oportunidade de gozar máis de preto dun dos artistas latinoamericanos máis destacados e que ao longo do seu xa longa traxectoria colaborou con artistas como Lila Downs, Natalia Lafourcade ou Lisandro Aristimuño, entre moitos outros.
Enric Montefusco foi un dos fundadores e líder da banda barcelonesa Standstill en 1997 e desde a súa desaparición en 2015 xa gravou dous discos en solitario. A súa traxectoria musical caracterízase polo risco e na súa nova etapa en solitario afastouse dos estándares do indie para apostar por un achegamento aos ritmos máis populares.
A mestura cultural tamén está moi presente en Marem Ladson, artista nada en Ourense e filla dun ex xogador norteamericano de baloncesto do equipo da cidade. Deu os seus primeiros pasos como cantante no coñecido Café Torgal da capital ourensá. En 2017 dá un paso importante na súa carreira ao gañar o concurso de bandas emerxentes do festival DCode. En 2018 presentou o seu disco de debut homónimo, cheo de cancións pop coloridas con influencias do folk, e xa houbo ocasión de vela no Festival 17º Ribeira Sacra dese ano cando realizou unha actuación sorpresa para un público moi reducido a bordo do catamarán.
As entradas, xa á venda
Os interesados en mercar as entradas dos diferentes paquetes por días que se ofrecen para o evento poden facelo a través da web www.festivalribeirasacra.com. Na pasada edición, o Festival moveu a preto de 4.000 persoas que produciron ocupacións hoteleiras do 100%, un impacto económico duns 300.000 euros e a xeración de 60 empregos. Estes son datos que confirman o éxito do Festival 17º Ribeira Sacra, unha iniciativa que, dende o seu nacemento, contou coa principal colaboración deste Goberno da Deputación.
En relación aos asistentes, o 16% dos visitantes foron de fóra de Galicia, o 30% da provincia de Lugo, 24% da Coruña, 24% de Pontevedra e 6%. Cómpre destacar que un 80% dos mesmos informaron que era a primeira vez que se achegaban a Ribeira Sacra, o que da mostra da importancia turística e de promoción que o festival ten para este enclave natural único, e polo tanto, para a provincia. Pero ademais, tamén hai que ter en conta todo o impacto mediático non só a nivel local, provincial e autonómico, senón tamén a nivel estatal que, o ano pasado, recomendaron o Festival 17º Ribeira Sacra, como a mellor actividade cultural da fin de semana e, incluso, de todo o verán. É preciso subliñar que, da xente enquisada que nunca estivera neste espazo, o 100% afirmou que volverán á Ribeira Sacra en calquera outro momento do ano, o que dá mostra da importancia de promoción turística deste evento