Cultura
Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación leva o son tradicional do Pito Pastoril ao Vello Cárcere

Pito Pastoril
Vello Cárcere
O Goberno da Deputación leva o son tradicional do Pito Pastoril ao Vello Cárcere
Faino a través dun concerto do intérprete Efraím Díaz e a banda de Antas de Ulla, o 14 de abril ás 13:00 horas. A entrada, totalmente de balde, será libre ata completar o aforo

García Porto puxo en valor “a importancia deste instrumento que vive uns tempos de rexurdimento, grazas ao traballo de, entre outros, Efraím”

A programación inclúe outro concerto en Antas de Ulla, a gravación dun disco, con 1.000 copias e obradoiros de iniciación ao pito galego

O Executivo provincial tamén organiza unha programación para a promoción da colección de instrumentos medievais do CentrAD. Serán 8 concertos en lugares históricos da provincia e unha exposición na Capela de Santa Maria

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou, este luns no obradoiro de instrumentos do CentrAD, o concerto do interprete de Pito Pastoril, Efraím Díaz, e a Banda de Música de Antas, que terá lugar o próximo domingo 14 de abril ás 13:00 horas, no Centro Cultural do Vello Cárcere de Lugo. Esta cita forma parte do proxecto cultural Pito Pastoril Galego e Banda de Música para a promoción, difusión e recuperación deste instrumento tradicional galego. A entrada ao concerto, totalmente de balde, será libre ata completar o aforo.

García Porto puxo en valor “a importancia deste instrumento que vive uns tempos de rexurdimento, grazas ao traballo de, entre outros, Efraím. Esta programación permitirá dar a coñecer estes sons tradicionais e os seus usos como pasatempo no campo e como estudo da gaita a un público máis amplo”.

A programación inclúe outro concerto en Antas de Ulla, a gravación dun disco, con 1.000 copias e obradoiros de iniciación ao pito galego, que impartirá o propio Efraím Díaz, dirixidos a asociacións culturais e outros colectivos interesados no instrumento.

A Deputada destacou que “a recuperación da música tamén forma parte da recuperación da nosa memoria colectiva e axuda a revalorizar os saberes e costumes que construíron a nosa cultura”.

Instrumentos medievais


A semana pasada, o Executivo Provincial, presentou outra programación para a recuperación, posta en valor e promoción doutros sons do pasado, como son os dos instrumentos medievais creados no obradoiro de instrumentos musicais do CentraAD. Esta iniciativa inclúe 8 concertos en lugares históricos e de importancia patrimonial da provincia nos que o recoñecido grupo de cámara Lucus Ensemble farán soar os instrumentos cedidos por parte da Deputación: unha zanfona medieval, unha viola de tres cordas, un salterio e unha giga.

Paralelamente, a estas actuacións, a Capela de Santa María acollerá unha exposición temporal con parte da colección de instrumentos que posúe o organismo provincial, levará por nome O Son do Tempo  e mostrará a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.