Deputación de Lugo
Turismo

A 39ª Feira do viño de Amandi contou coa participación de 24 adegas da Ribeira Sacra

39ª Feira do viño de Amandi
Amandi
Ribeira Sacra
Feira de Sober
A 39ª Feira do viño de Amandi contou coa participación de 24 adegas da Ribeira Sacra
A Feira de Sober, declarada de interese turístico, reuniu a miles de persoas ao longo da fin de semana no municipio. Este domingo, a fadista María do Ceo foi a encargada de ler o pregón da cita, que incluíu concertos, catas de viños ou exposicións

O Goberno da Deputación achegou 5.000 euros para contribuír á promoción desta festa, na que se promocionan os viños das adegas desta zona da provincia de Lugo

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou este domingo na 39ª edición da Feira do Viño de Amandi, que se celebrou no Concello de Sober. O Goberno Provincial achegou 5.000 euros para contribuír a promoción desta festa, declarada de interese turístico, na que se promocionan os viños das adegas desta zona da provincia de Lugo.

Milleiros de persoas achegáronse ao longo da fin de semana ata a Feira de Amandi, a festa vinícola máis veterana das que teñen lugar na Ribeira Sacra, pois vense celebrando ininterrompidamente desde o ano 1982. Na cita ponse de manifesto a importancia da actividade vitivinícola na zona, remarcando o prestixio dun viño que, segundo contan as lendas, era levado á Roma dos Cesares e cultivado desde os tempos en que se asentaron as ordes monásticas na Ribeira Sacra.

Na 39ª edición desta feira, participaron 24 adegas, dúas máis que o ano pasado, e a cantante de fados María do Ceo foi a encargada de ler o pregón. O cartel anunciador foi obra do artista monfortino Rodrigo Coucheiro. Para promocionar esta festa, este ano como novidade adquiriuse unha “viñoteca ambulante” e organizouse un concurso en Instagram no que para participar hai que facerse unha foto co “Marco do Amandi” e subilo a esta rede social.

O programa da Feira de Amandi contou con numerosas actividades como concertos, catas de viños ou exposicións como Viña Sacra, unha mostra fotográfica organizada pola Asociación de Amigos de Manuel Jorge, exposta na Oficina de Turismo.

Os viños de Amandi cultívanse nas fortes pendentes das ladeiras dos cañóns do Sil. Unha orografía que dificulta moito o traballo nas vides, razón pola que esta viticultura é chamada heroica. Os viños contan con D.O Ribeira Sacra desde o ano 1996 e o seu viño Mencía está considerado como un dos mellores viños tintos de Galicia.