Cultura
Deputación de Lugo

Máis de 3.000 queixos poranse á venta na XXXIII Feira do Queixo do Cebreiro, coa que colabora a Deputación

Feira do Queixo Cebreiro
Pilar García Porto
queixo cebreiro
- A Deputada de Cultura xunto ao Alcalde de Pedrafita do Cebreiro presentaron, este martes, a XXXIII Feira do Queixo do Cebreiro que se celebrará o este venres en Pedrafita do Cebreiro
- García Porto subliñou que “colaboramos con este tipo de citas, apostando polos produtos autóctonos e tradicionais. Falamos dunha feira xa asentada no noso calendario, que reúne a milleiros de persoas e contribúe a riqueza da comarca”
- Na feira haberá preto de 100 postos, nos que se poderán adquirir queixos, produtos elaborados de forma artesá ou produtos de indicación xeográfica protexida

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, xunto ao Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, e o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, presentaron, este martes, a XXXIII Feira do Queixo do Cebreiro, declarada Feira de Interese Turístico Galego, que terá lugar este venres. Nesta cita poñeranse á venta máis de 3.000 pezas de queixo e contará con preto de 100 postos nos que se poderán adquirir queixos, produtos tradicionais ou de indicación xeográfica protexida. 

García Porto subliñou que “dende o Executivo Provincial colaboramos con este tipo de citas, apostando polos produtos autóctonos e tradicionais, como neste caso é o queixo, que conta con Denominación de Orixe Protexida dende o ano 2008.  Ademais, falamos dunha cita xa asentada no noso calendario, pois esta é a XXXIII edición, que reúne a milleiros de persoas no municipio durante a xornada e contribúe á riqueza económica da comarca”. 

O queixo  do Cebreiro, está elaborado con leite de vacún, sen conservantes nin produtos engadidos. A súa de zona de produción comprende os concellos de Pedrafita, O Courel, Cervantes, Triacastela, As Nogais, Navia de Suarna, Becerreá, Baralla, Baleira, Castroverde, A Fonsagrada, Láncara e Samos.

Programación
A feira comezará este venres a partir das 09:30 horas, na que participarán as queixerías acollidas ao Consello Regulador; Castelo de Brañas, Quesos Santo André, Queixos Marqués de Cernadas, Queixo Fonchave y Gran Despensa Abadía de Samos, porán a venta os seus deliciosos queixos. Os asistentes  a esta xornada tamén poderán adquirir outros produtos elaborados de forma artesá como mel,  viño, pan, empanadas, produtos da horta, repostaría, embutidos, licores, pezas de artesanía como coitelos, pezas de coiro, madeira ou cerámica. A partir das 11:00 horas haberá pasarúas da man da Charanga DGT  e ás 12:00 horas a actuación da Asociación Cultural Xistra.  Ás 13:00 horas terá lugar o pregón, que correrá a cago de Manuel Lolo Aira, CEO de AMSlab, que dará paso, unha hora máis tarde, ao comezo da comida oficial da festa.