Roteiros, charlas e obradoiros configuran a programación deste sábado do II Encontro de Banda Deseñada histórica
López Izquierdo resaltou a “importancia de poder contar con charlas e obradoiros dalgúns dos grandes debuxantes de banda deseñada, e coñecelos para saber que non temos que ir moi lonxe, pois temos grandes artistas en Lugo e en Galicia”
Pola mañá rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos desfrutaron dun obradoiro teórico e práctico de debuxo de personaxes medievais, impartido polo ilustrador Victor Boullón
A Deputada de Promoción Social e Económica, Sonsoles López Izquierdo, participou este sábado na Inauguración do II Encontro de Banda Deseñada histórica de Galicia, estivo acompañada polo director artístico de certame, Manel Cráneo. O encontro comezou esta mañá cunha ruta histórica pola cidade e cun curso dirixido ao público infantil no que aprenderon a debuxar personaxes medievais. Despois da Inauguración, continuou a xornada coa charla do ilustrador lucense, Miguel Fernández: Unha Banda Deseñada na Galicia Medieval.
López Izquierdo resaltou a “importancia de poder contar con charlas e obradoiros dalgúns dos grandes debuxantes de banda deseñada, e coñecelos para saber que non temos que ir moi lonxe, pois temos grandes artistas en Lugo e en Galicia. Apoiando este evento desenvolvemos un fin de semana de lecer e aprendizaxe dunha forma activa e dinámica”.
Debuxar a Idade Media
Pola mañá rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos desfrutaron dun obradoiro de debuxo de personaxes medievais, no que o o debuxante compostelán, Victor Boullón, comezou explicando unha pequena teoría sobre a creación de personaxes, poñendo énfase na caracterización, e mostrou algunha das súas creacións. Despois os rapaces continuaron o obradoiro creando eles os seus propios debuxos, primeiro a lapis e posteriormente coloreándoos con diferentes técnicas.