Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora, un ano máis, promocionando a 19ª Mostra do Aceite de Quiroga

19ª Mostra do Aceite de Quiroga
Quiroga
muíño de Bendilló
A Deputación colabora, un ano máis, promocionando a 19ª Mostra do Aceite de Quiroga
O Deputado de Turismo participou na presentación da 19ª Mostra do Aceite de Quiroga que terá lugar o domingo 12 de maio no muíño de Bendilló

Vidal Baamonde destacou que “colaboramos nesta iniciativa para impulsar os produtos autóctonos únicos dos Concellos da nosa provincia, aos produtores deste singular aceite de oliva artesán e potenciando, tamén, o turismo gastronómico”

Este encontro ofrece aos seus visitantes actividades centradas neste produto, como demostracións do traballo no muíño e catas de aceite

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o Alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez e o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro presentaron este xoves a 19ª Mostra do Aceite de Quiroga que terá lugar, o domingo 12 de maio, no enxebre muíño de Bendilló. Unha cita que conta coa colaboración da Deputación.

Vidal Baamonde destacou que “dende o Goberno Provincial apostamos pola colaboración con estas iniciativas, xa que contribúen ao impulso dos produtos autóctonos únicos dos Concellos da nosa provincia, axudando aos produtores agrícolas deste singular aceite de oliva artesán, dinamizando a economía local e potenciando o turismo gastronómico cada vez máis en alza”.

A 19ª Mostra do Aceite de Quiroga, declarada de Interese Turístico Galego, ofrece aos seus visitantes actividades centradas neste produto, como demostracións do traballo no muíño e catas de aceite.

Produción artesanal


O aceite  de Quiroga é un dos óleos máis tradicionais da provincia de Lugo. A súa produción artesanal, que conta con séculos de historia e procede en boa parte das centenarias oliveiras plantadas polos romanos cando estaban asentados en Galicia e extraían ouro do río Sil neste val.

O seu especial sabor, cor e aroma, moi apreciado polos consumidores, fan deste aceite artesanal un produto delicatessen capaz de acadar altos prezos no mercado pola súa altísima demanda.


Programa da xornada


A 19ª Mostra do Aceite de Quiroga comezará ás 11:30 horas coa posta en funcionamento do Muíño de Bendilló e o comezo da demostración da elaboración de aceite tradicional, que se estenderá durante todo o día. De seguido, terá lugar a actuación de música tradicional co grupo de Gaitas ‘O Recanto’ no recinto da feira. Ás 12:00 horas, será a cata comentada dos aceites participantes na mostra, no interior da Capela das Farrapas. Posteriormente, haberá máis actuacións de danza e música tradicional galega. No recinto da mostra haberá exposición e venta de produtos locais da zona.