A música tradicional enche a praza de San Marcos na Semana das Letras Galegas da Deputación
Negra Sombra de Xoán Montes, Festa na Tolda de Gustavo Freire e A Alborada para Gaita e Banda do mindoniense Pascual Veiga foron algunhas das pezas musicais de compositores lucenses que soaron para celebrar as Letras Galegas
Para homenaxear a figura de Antón Fraguas léronse tamén anacos da súa obra así como textos de Castelao, Cunqueiro ou Pimentel e outros poetas galegos
A música tradicional galega encheu, este xoves, a praza de San Marcos no marco da programación cultural da Semana das Letras Galegas organizada pola Deputación. A Banda Filarmónica de Lugo e o alumnado da Tradescola ofreceron dous concertos para lembrar e conmemorar a figura do académico Antonio Fraguas, autor homenaxeado nas Letras Galegas do 2019, e que impartiu ensinanzas durante varios anos no antigo Instituto Masculino da cidade de Lugo.
A tarde musical galega comezou co concerto da Tradescola, un centro formativo xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos en Lugo e co que colabora o Goberno Provincial. O alumnado da Tradescola tivo a ocasión de amosar as súas destrezas adquiridas nas clases de zanfona, gaita, requinta, canto e pandeireta que se imparten neste espazo de formación especializado na música e no baile tradicional galego.
No concerto da Banda Filarmónica de Lugo, ao que asistiu a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, interpretáronse 6 pezas musicais de compositores galegos. Na Praza de San Marcos, soaron pezas tan recoñecidas como Negra Sombra do lucense Juan Montes, Festa na Tolda de Gustavo Freire e A Alborada para Gaita e Banda do mindoniense Pascual Veiga. A música de Ernesto Campos e Manuel Blanco Dosil completaron o programa con notas da música galega máis actual.
Este concerto foi presentado por Xoana Rubinos, intérprete de frauta na Banda infantil desta Filarmónica. Entre peza e peza, os asistentes puideron escoitar tamén anacos da prolífera obra do homenaxeado Antón Fraguas e textos de Castelao, Cunqueiro ou Pimentel entre outros escritores galegos coetáneos ás pezas musicais que soaron na actuación.