Cultura
Deputación de Lugo

Ela sabe a sol, o novo disco de NajlaShami pecha o ciclo Mulleres con Forza

música
feminismo
'Ela sabe a sol', novo disco de NajlaShami
O concerto forma parte da programación trimestral 'Mulleres con Forza', que organiza a Deputación e o Concello de Lugo para achegar o feminismo á cidadanía.

A cantante e compositora multicultural presentou o seu novo disco 'Ela sabe a sol'

A Deputada de Promoción Económica e Social en funcións, Sonsoles López Izquierdo, participou no concerto de NajlaShami que tivo lugar no Vello Cárcere, este venres ás 20:30 horas. Trátase da última das actividades da programación trimestral do ciclo Mulleres Con Forza, promovida pola Deputación e o Concello de Lugo para achegar o feminismo á cidadanía.

A cantante e compositora galega e palestina, que creceu en Lugo, NajlaShami, presentou o seu novo disco Ela sabe o sol e inundou o Vello Cárcere de sons de estilos multiculturais e femininos.

NajlaShami publicou en 2013 o seu primeiro traballo en solitario, o disco-libro “Na lingua que eu falo”cunha atractiva fusión musical e poemas da poetisa galega Rosalía de Castro. Foi seleccionada como finalista nos XIII Premios Opinión de Música Folk nas categorías de Mellor Novo Artista e Mellor Tema Orixinal.

A programación Mulleres con Forza promovida polo Goberno Provincial en funcións e o Concello de Lugo contou con variadas propostas para darlle visibilidade e potenciar o movemento feminista nesta primeira metade do 2019. Entre elas destacaron un ciclo curtos contra a violencia de xénero, Faladoiros Feministas e varias conferencias e xornadas. A música feminina completou esta programación coa voz de varias mulleres cantantes: NajlaShami, Faia Díaz, Iria Estévez e Sonia Lebedynski.