A igrexa de Santiago de Vilariño de Castroverde acolle o concerto “Sons do tempo”, que promove a Deputación
Lucus Ensemble esta formado por músicos de recoñecido prestixio, e esta considerado un dos principais referentes da música de cámara da provincia
Esta iniciativa contribúe a poñer en valor as nosas tradicións e a nosa cultura, como neste caso, os sons medievais tan arraigados na nosa historia
A igrexa de Santiago de Vilariño de Castroverde será o escenario dun novo concerto do ciclo “Sons do tempo”. Esta actuación que corre a cargo do grupo Lucus Ensemble, forma parte dun proxecto para promover o estudo e a difusión da música medieval que promove a Deputación de Lugo.
A mostra O Son do Tempo enmárcase nun proxecto máis ambicioso do Goberno da Deputación para a recuperación o noso patrimonio cultural. O obxectivo desta iniciativa é o estudio, a divulgación, o préstamo de pezas, así como a promoción da música medieval para o público en xeral nos 67 Concellos da provincia.
Esta cita contribúe a poñer en valor as nosas tradicións e a nosa cultura, como neste caso, os sons medievais tan arraigados na nosa historia. Por iso, dende o Centro de Artesanía e Deseño e a Colección e Obradoiro de instrumentos musicais da Deputación iniciouse un traballo para a actuación integral na formación de intérpretes e reconstrucións históricas para a súa promoción en Galicia, creando unha pequena colección de instrumentos medievais destinada ao préstamo temporal a músicos profesionais que queiran achegarse, ou aportar a súa experiencia na interpretación deste legado cultural dentro das súas xiras internacionais.
Lucus Ensemble
O Grupo lucense Lucus Ensemble esta formado por músicos de recoñecido prestixio, e esta considerado un dos principais referentes da música de cámara da provincia. Este grupo está formado por trece compoñentes (once instrumentistas e dous vocalistas), e goza dun prestixio gañado a pulso ao longo dos case cinco anos da súa existencia, e dos seus múltiples concertos e repertorios diferentes. Os instrumentos que se cederán por parte da Deputación para estes concertos son: unha zanfona medieval, unha viola de tres cordas, un salterio e unha Giga. Algúns deles creáronse no Obradoiro de instrumentos musicais do CENTRAD que impulsou a Deputación na pasada anualidade.
Próximas actuacións
Este ciclo de concertos comezou no mes de abril en Antas de Ulla e xa visitou os Concellos de Monforte de Lemos, Portomarín e O Saviñao. As vindeiras datas nas que actuará Lucus Ensemble son as seguintes; Viveiro, 11 de xullo no Teatro Pastor Díaz, ás 20:30 horas; Alfoz, 15 de setembro na Igrexa do Castro, ás 19:00 horas e para rematar na Catedral de Lugo, o día 13 de outubro, ás 17:00 horas.