O Servizo de Audiovisuais da Deputación colabora coa USC no Campus de Verán Xuvenciencia
O programa desta iniciativa do Campus Terra conta coa participación de 150 alumnos e alumnas de Secundaria de España e Portugal e máis dun cento de actividades de divulgación
Pilar García Porto, xunto con outras autoridades, participou este luns na inauguración deste Campus, co que colabora o Executivo Provincial
O SdeA amplía o prazo de inscrición para matricularse nos Ciclos Superiores de Realización e Produción do Centro de Formación Audiovisual
O Servizo de Audiovisuais da Deputación colabora coa USC no Campus de Verán Xuvenciencia, que ten lugar en Lugo dende hoxe ata o 5 de xuño, e no que participarán 150 alumnos e alumnas preuniversitarios de España e Portugal. A Deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto, xunto con outras autoridades, participou este luns na inauguración deste Campus, co que colabora o Executivo Provincial.
García Porto avanzou na súa intervención que “é moi importante achegar aos rapaces este tipo de actividades que contribúen a coñecer a ciencia e a tecnoloxía como xeito de fomentar a curiosidade, e que fomenta o interese do alumnado pola actividade científica, que é un motor da sociedade e do seu desenvolvemento”.
Obradoiro
Un profesor do Centro de Formación do SdeA (CFA) impartirá o obradoiro Como elaborar vídeos para YouTube e técnicos do Centro de Produción do Servizo (CPS) prestarán apoio ao alumando durante a edición dos vídeos sobre os seus proxectos científicos. Ademais, durante toda a semana, un equipo de profesionais gravará as actividades para o vídeo resume que se proxectará durante o acto de clausura, o 5 de xullo.
Un obradoiro impartido no Centro de Formación Audiovisual
O obradoiro de contidos para YouTube, que impartirá un profesor do SdeA nas instalacións do CFA, forma parte, por terceiro ano consecutivo, da programación de Xuvenciencia. Nas anteriores edicións, esta actividade tivo moi boa valoración nas enquisas. De feito, o alumnado participante solicitou que se repetise. Ademais de ensinarlles como subir vídeos a esta plataforma, crearase unha canle propia para subir un vídeo que gravarán e editarán durante o obradoiro.
Por outra banda, técnicos do SPA prestarán apoio técnico e asesoramento aos alumnos de Xuvenciencia na edición dos audiovisuais que elaborará cada grupo, cos que presentarán os seus proxectos e participarán no concurso de vídeos que convoca a USC. A achega da Deputación complementarase con reportaxes e un vídeo coa recompilación dos momentos mais salientables.
Unha iniciativa que vai a máis
O interese por este campus de verán vai en aumento cada ano, o que se reflicte no incremento de solicitudes. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer aos alumnos preuniversitarios a ciencia e a tecnoloxía a través da súa aplicación práctica. Tamén se pretende fomentar o interese do alumnado polas titulacións científicas, técnicas e sociais, facilitar información para mostrarlles as titulacións e investigación que se fai no Campus Terra de Lugo.
Ampliación do prazo
Por outra banda, o Servizo de Audiovisuais da Deputación amplía o prazo para inscribirse nos ciclos de Superiores de Realización e Produción no seu Centro de Formación. En total son 40 prazas, 20 por ciclo. Os interesados deberán presentar unha fotocopia do DNI, a certificación académica e cumprimentar o impreso que atoparan na web www.fundaciontic.org ou no propio centro. A documentación debe entregarse na sede do centro, na rúa Frei Plácido Lemos s/n de Lugo. A matrícula ordinaria poderá formalizarse desde o 8 ao 19 de xullo, na sede do centro educativo en horario de 9.00 a 14.00 horas.