Cultura
Deputación de Lugo

Preséntase Camiño Escena Norte, que trae catro representacións á provincia coa colaboración da Vicepresidencia

Camiño Escena Norte
Maite Ferreiro
vicepresidencia
Este domingo preséntase en Ribadeo a primeira función do proxecto a cargo da compañía asturiana Teatro del Cuervo

A iniciativa, promovida polas asociacións de produtoras teatrais de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, nútrese da diversidade linguística e cultural arredor do Camiño do Norte

Lugo, 19 de setembro.- O proxecto Camiño Escena Norte, promovido polas asociacións de produtoras escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, chega a Lugo da man da Vicepresidencia da Deputación.

 

A vicepresidenta, Maite Ferreiro, e o coordinador da iniciativa, Diego V. Meizoso, presentaron esta mañá o ciclo lucense do proxecto, que trae á provincia catro representacións.

 

A compañía asturiana Teatro del Cuervo representará a obra “Bojiganga” en Ribadeo, o domingo 22 de setembro, e en Mondoñedo, o sábado 28 de setembro. O 3 de outubro o grupo tamén asturiano La Tejedora de Sueños porá en escena “Como ceniza blanca sobre una hoguera” en Lugo. A axenda na provincia complétase coa representación de “A viaxe de Ulises / Ulisesen bidaia” da compañía Teatro Gorakada o 5 de outubro en Vilalba.

 

Maite Ferreiro sinalou que “desde as admnistracións temos que estar ao lado destes proxectos que nos permiten ver traballo feitos noutras comunidades pero tamén facilitan que neses territorios se poida visibilizar a cultura feita no propio país”.

 

Neste senso, Diego Meizoso apuntou que “o proxecto atopa o seu sentido na diversidade cultural e lingüística dos territorios que percorre o Camiño de Santiago” e detallou que “as compañías galegas representarán as súas obras en versións bilingües, con partes en galego”.

 

Camiño Escena Norte

Camiño Escena Norte é unha iniciativa impulsada polas asociacións de produtoras escénicas Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi), artellada arredor do intercambio cultural que xenera o Camiño de Santiago do Norte.

O proxecto facilita ao público o acceso a producións escénicas doutros territorios, mostrando a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.

Así, ademais de traer varios espectáculos doutras comunidades a territorio galego, levará obras de dúas compañías do país, Baobab Teatro e A Panadaría, polo norte peninsular.