Cultura
Deputación de Lugo

A Rede Museística ofrecerá aos colexios unha programación pioneira arredor do patrimonio e o desenvolvemento sustentable

REDE MUSEÍSTA
MUSEO FORTALEZA SAN PAIO DE NARLA
ACTIVIDADES DIDÁCTICAS
Maite Ferreiro
ENCARNA LAGO
Os museos provinciais serán os primeiros do Estado en incorporar ás actividades didácticas a Axenda 2030

O Museo Fortaleza de San Paio de Narla, referente no ámbito educativo, acolleu esta mañá a presentación do programa

Lugo, 25 de setembro de 2019.- A Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, presentaron esta mañá no Museo Fortaleza San Paio de Narla en Friol os programas de actividades escolares dos museos integrados na rede para o curso 2019-2020.

 

Os departamentos de didáctica dos catro museos -Museo Provincial de Lugo, Museo Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial do Mar e Museo Pazo de Tor- poñen a disposición dos centros escolares unha programación novidosa que emprega o patrimonio para traballar os 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable definidos pola Organización de Nacións Unidas (ONU) en 2015.

 

A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, destacou que “os museos de Lugo serán os primeiros do Estado en que se traballe nos 17 obxectivos  que marca a Axenda 2030 e que son de obrigado cumprimento para as institucións culturais”.

 

Referente na didáctica

 

Lago remarcou o simbolismo de presentar unha programación pioneira en San Paio de Narla, “o museo no que se empezou a traballar no ámbito da didáctica, desenvolvendo actividades que supuxeron un amplo recoñecemento, mesmo internacional, para a rede museísta provincial”.

 

“Con esta programación queremos volver a xenerar unha revolución educativa”, enfatizou a xerente da rede, que destacou tamén na estreita relación do museo co tecido asociativo e coa contorna.

 

A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, subliñou a importancia de “transladar aos nenos e nenas o valor do que temos, darlles a posiblidade de coñecelo para que logo o valoren, o coiden e o queiran. Desde as institucións temos a obriga de traballar para que estes proxectos saian adiante e de coidar espazos coma este. Temos a obriga de deixalos en bo estado para as xeneracións que veñan”.

 

As actividades que se propoñen en cada un dos centros da rede museísta provincial poden consultarse nesta ligazón.