Cultura
Deputación de Lugo

Xurxo Souto recibirá o Premio Facer País da Asociación Val do Láncara pola súa difusión da cultura galega entre a mocidade

Unha vintena de colectivos culturais das comarcas Sarria, Val do Neira e O Corgo participan na concesión do galardón, que se entregará o 2 de novembro en Láncara

A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, puxo en valor o traballo das asociacións de base

Xurxo Souto será o galardoado na décimo oitava edición do Premio Facer País, outorgado pola Asociación Cultural Val do Láncara coa colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O xurado, formado por unha vintena de colectivos culturais das comarcas de Sarria, Val do Neira e Corgo, valoraron o “entusiasmo e forza” coa que o músico e escritor “fai país reivindicando a lingua e a cultura e contribuíndo a que os demais, e sobre todo a mocidade, as valoremos como parte fundamental da nosa identidade como pobo”.

Nesa liña, Xurxo Rodríguez, mestre do CPI Ramón Piñeiro de Láncara, encargado de dar a coñecer o fallo esta mañá no Salón de Actos da Deputación de Lugo, subliñou a súa traxectoria como músico, especialmente como vocalista dos pioneiros Diplomáticos de Monte Alto, ou como locutor de radio, dirixindo espazos de referencia para espallar a música en galego entre a mocidade.

A Vicepresidenta, Maite Ferreiro, subliñou  “o valor e relevancia do premio que involucra  unha vintena de colectivos da comarca de Sarria, Val do Neira e Corgo” e puxo o énfase na labor que “desenvolven as asociacións de base no eido da cultura”.  

O galardón entregarase o 2 de novembro en Láncara

O Premio Facer País entregarase o 2 de novembro en Láncara nunha xornada que, como noutras edicións, reunirá representantes do mundo cultural de todo o país. Tras unha recepción no concello, Xurxo Souto recibirá o galardón e desenvolverase un acto de confraternidade que culminará cun xantar.

Desde a súa creación en 2002, recibiron o galardón lsaac Díaz Pardo, Luis Tosar, o grupo Milladoiro, Xosé Manuel Beiras Torrado, Xosé Neira Vilas, o diario A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, a Real Academia Galega, Mini e Mero, Agustín Fernández Paz, a Mesa pola Normalización Lingüística, Marica Campo, Basilio Losada Castro Margarita Ledo Andión, a Asociación Cultural Xermolos, e a familia Seivane.